Visitounos no día de onte, no Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” para o profesorado, pais e nais de alumnado e mais persoal non docente, o escritor Luís Rei por mor da lectura de Días que non foron.
Como é adoito no Club a visita discorreu polos vieiros do diálogo e mesmo do debate, arredor tanto do volume devandito como da obra xeral do escritor radicado en Pontevedra. Luís Rei subliñou a existencia, ben diáfana para quen se achegue a estes relatos, de vasos comunicantes coa súa obra de maior alento e tamén revelou a intención de publicar un libro deste xénero para homenaxear e recoñecer(se) nunha tradición literaria con precedentes tan extraordinarios como os de Castelao, Ferrín ou Dieste por só citar algúns, ofrecendo así “un destilado da novelística que cultivo”.
Falou, e con recorrencia, da súa querenza por abordar literariamente asuntos temáticos de noso que teñen que ver co presente e co pasado máis inmediato; sen esquecer tanto as posibles influencias, remarcando sobre todo aquelas de filiación cinematográfica como o que se refería ao “goberno” dos personaxes, a quen gusta de acompañalos pero aos que lles outorga a precisa independencia.
Á concepción do feito literario en función da afirmación de “que pasaría se…” sumáronselle reflexións arredor da vinculación entre xornalismo e literatura, sobre a visión que ofrecen os nenos como voces narrativas que simbolizan a fraxilidade mais tamén a riqueza en matices e a procura de “reinvención” singular que propón en cada un dos seus libros ao tempo que desvelaba algúns dos esteos da súa estética, sempre ergueita sobre conflitos xeracionais e a recreación de acontecementos vehiculizados por seres coñecidos ou anónimos que sempre deben alentar a reflexión.
“Escribir é corrixir” ou a asunción da escrita como “unha viaxe á imperfección” foron dúas afirmacións que Luís Rei deixou nun serán frío pero extraordinariamente afectuoso preto do Galiñeiro. Grazas ao autor e a todas as persoas que asisitiron! (fotos de Anxo Cabada).
Unha sorte ter compartidos momentos tan gratos coa xente do club e cun autor tan interesante. Grazas polo teu esforzo organizador.
Eu non fago nada, case todo vén dado. Grazas a ti!