Na presentación de Cadeas en Compostela

Acompañei onte, na sempre acolledora casa de Pablo e María que é a Libraría Couceiro compostelá,  a Fran Alonso e a Xabier López López na presentación de Cadeas, o último premio Xerais de novela.

       Arredor da novela xa me pronunciei  en ocasións anteriores polo que non vou reiterarme e tan só subliñar que foi moi do meu gusto a espléndida disección que Fran Alonso realizou do libro e mais diálogo que se mantivo con Xabier López, desvelando algunhas das claves desta proposta narrativa como foron a súa ideación e posta en marcha, pasando polo sentido das diferentes tipoloxías textuais que nela se poden achar, os trazos da figura do escritor que aparece e desaparece ao longo de Cadeas, a presenza de Manuel Antonio e Rafael Dieste e a súa posible simboloxía, o percorrido -espellado en numerosas historias- a través de acontecementos que poboan o século XX ou a valoración do fragmentarismo ou o espírito experimentalista que pairan nestas páxinas, alén de se desvelaren algúns proxectos nos que agora traballa o escritor betanceiro.

         Grazas, pois, por estoutro serán literario que, ademais, me trouxo o galano de poder coñecer a Anxos Sumai e saudar, de novo, a persoas que moito aprecio como Agustín Agra, Gracia Santórum e María Solar.