Con Francisco Castro no Club de Lectura Lendo no Galiñeiro

Vivimos hoxe, no Club de Lectura Lendo no Galiñeiro do IES Valadares, unha xornada ben gratificante ao recibir a visita de Francisco Castro, de quen os numerosos membros que fan posible o Club leron e traballaron Chamádeme Simbad e mais O ceo dos afogados. Tras o discurso do autor, que subliñou decatarse de que ambos os libros gardaban máis semellanzas do que puidera parecerse, alén de se referir á ideación, xestación e causas que motivaron as súas redaccións, o diálogo supuxo un vivísimo intercambio de opinións ao abordárense multitude de asuntos: desde os que suscitaban os propios libros de Francisco Castro até cuestións de índole máis persoal, pasando polas claves do oficio de escritor ou, mesmo, polo emprego das redes sociais.

          Tarde fermosa esta ao pé de Galiñeiro. Con libros, historias, alumnado con ganas de ler e un narrador que foi todo amabilidade e simpatía. Beizón.