Lisboa
Kalandraka, Pontevedra, 64 páxinas, 15 €
Continúo hoxe con libros case desposuídos de discurso narrativo e que resultan tan marabillosos coma se o tivesen, ou se cadra máis pois deixan voar a imaxinación e son operativos para reconstruír vivencias e experiencias; serven talvez para ver as cousas doutro xeito e mesmo posibilitan inventar ou cerar un fío narrativo propio e singular.
Refírome aquí ao título Lisboa, de David Pintor, que continúa o ronsel de Compostela pois se articula como un caderno de bitácora composto por trinta ilustracións desde as que se revela a particular e intransferible visión do autor sobre a cidade de Lisboa, esa cidade na que para moitas persoas, e máis galegas é tan doado resulta recoñecerse.
Non se recollen todos os espazos posibles de Lisboa, abofé, e tampouco penso que sexa necesario. Hai lugares máis coñecidos e outros que o son menos, mais en todos e cada un deles ábrese unha fírgoa onde paira a sorpresa co común denominador da presenza dunha sorte de alter-ego do ilustrador e a súa bicicleta, as sardiñas de inspiración surrealista e máxica a voaren polos distintos espazos e o case omnipresente tranvía, a carón da abouxadora transparencia dunha luz única a iluminar sempre a cidade, sen esquecer aqueoloutros elementos que sempre lle outorgaron singularidade á cidade como son as diversas cores dos azulexos ou esas alfombras de pedra que pisamos.
Quen se achegue a este volume poderá situarse, ese é un dos seus engados, no Café A Brasileira, ir até a Sé ou á Fundação Calouste Gulbenkian, pasar polo Pavilhão de Portugal Expo 98, camiñar polo Rossio e Alfama e acabar nos Miradouro do Castelo de São Jorge ou no da Graça, sempre desde esa perspectiva do turista máis ou menos accidental que se permite, e é de agradecer que así sexa, algunhas licenzas imaxinativas que lle outorgan ao libro aínda un plus de interese.
Todo un luxo este Lisboa, sen dúbida ningunha. Ademais trae canda si o agasallo de catro ilustracións exentas. Os meus parabéns sinceros pola iniciativa.