Ulises (tradución de Eva Almazán, Mª Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle)
Galaxia, Vigo, 2013, 1008 páxinas, 40 €
Nun obradoiro sobre clásicos das literaturas universais que tiven a inconsciencia de impartir hai algúns anos e que, como docente, constituíu unha das experiencias máis enriquecedoras que vivín polo moito que puiden aprender das persoas que a el asistían, un dos libros que nos ocupaba, como é natural, era o Ulises de Joyce. O libro era obxecto sempre de acendidos debates entre persoas que o defendían apaixonadamente e outras que non foran quen de concluílo. Con todo, unhas e outras converxían en recoñecer a relevancia deste título para as letras contemporáneas, e tamén para as galegas, onde era de regra apuntar a a existencia dalgúns fragmentos traducidos na revista Nós, en 1926, grazas ao traballo de Ramón Otero Pedrayo. Daquela matinaba tamén cando chegaría o día de termos o Ulises, íntegramente, en lingua galega.
E a data chegou grazas á teimosía da editorial Galaxia e mais ao labor de catro persoas -Eva Almazán, Mª Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle- e cómpre concederlle a relevancia ao feito de que os lectores en lingua galega poidamos dispor desta tradución no medio duns tempos difíciles. Non é momento de valorar o acaído da tradución, que de certo o será pois o traballo dilatouse no tempo e non é un texto doado como algúns dos tradutores xa manifestaron hai algún tempo; tampouco é o momento de referirse críticamente a un volume que foi obxecto de intensos estudos; talvez abonde agora con agradecer a iniciativa que chega a bo porto e saudala como o que é: un monumento literario universal que se verte á nosa lingua.
Víctor F. Freixanes apunta nun breve limiar que o Ulises era “una asignatura pendente, homenaxe obrigada aos devanceiros de Nós e mostra inequívoca da nosa instalación na contemporaneidade”, abofé que así é e para quen non queira ver as primeiras páxinas podo acceder a elas desde aquí. Otero Pedrayo sorriría hoxe compracido, non teño dúbida.
1 Comment
Os comentarios están pechados.