«Unha road movie marcada polo optimismo. Conversa con Rosa Aneiros sobre Ámote Leo A» (en Qué leer, nº 193, Letras galegas)

ROSA ANEIROS, XORNALISTA E NARRADORA, RETORNA AO PRIMEIRO PLANO DA ACTUALIDADE COA NOVELA XUVENIL ÁMOTE LEO A. DESTINO XALUNDES 

 

Rosa Aneiros (Meirás – Valdoviño, 1976) compaxina o seu traballo no Consello da Cultura Galega coa creación literaria. Ademais das novelas Eu de maior quero ser (1999) e Corazóns amolecidos en salitre (2002), a proposta narrativa que a catapultou como unha das narradoras de maior proxección foi Resistencia (2002), traducida xa a varios idiomas. Despois viñeron Veu visitarme o mar (2004), Sol de inverno e Ás de bolboreta, ambas publicadas en 2009, coas que gañaría, respectivamente, o premio Xerais de Novela e o da Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, xénero ao que agora se suma Ámote L. A. Destino Xalundes.

 -Distan catro anos dende unha noite na que conseguiu dous dos grandes premios literarios en Galicia. Como o recorda?
-Foi unha experiencia esgotadora e, á vez, moi bonita. Tras a sobreexposición mediática, vén o encontro cos lectores seducidos polo reclamo dos premios e aí é cando percibes a verdadeira grandeza da literatura.

Resistencia foi unha novela moi reeditada. Confiaba no feliz percorrido que gozou e goza este libro?
-Era a primeira vez que escribía unha novela de adultos e bastante esforzo foi aprender a construíla como para imaxinar o eco que traería consigo. Se o chego a saber, talvez me tería condicionado máis a súa escritura pero foi algo espontáneo e por iso o resultado tan gratificante.

-Intérnase agora, de novo, no ámbito da literatura xuvenil: un xénero no que se sente cómoda?
-Os mozos son un público agradecido, xeneroso e entusiasta que vive cada historia coma se fose a última. Están nunha fase da vida en que todo resulta un descubrimento e esa alegría de vivir contáxiana ás lecturas polo que creo que as miñas obras son máis grandes cando eles as len. Unha tamén busca egoistamente a beleza das súas obras e, a través das súas lecturas, estas crecen e supéranse a si mesmas. Claro que ese é mérito seu como público e non meu como autora.

Ámote Leo A. é o primeiro volume dunha triloxía para novos lectores. Que significa o proxecto para vostede e por que esta estrutura?

-Cada proxecto literario supón un reto para min. Neste caso, quixen construír unha triloxía na que teñen especial peso os diálogos, as viaxes, as redes sociais e as aventuras. Trátase dunha especie de road movie marcada polo optimismo e pola necesidade de loitar para conseguir os teus soños. A medida que a protagonista, Leo, devora quilómetros descubrimos como afronta as vicisitudes da viaxe máis fascinante da vida: ao interior de si mesma. E todo iso pasando por Istanbul, Venecia, Bos Aires, París, O Cairo, Ushuaia…

-Coñece ben dous sectores azoutados pola crise; o xornalismo e a cultura. Como os ve?
-Vivimos cambios radicais que afectan ás condicións laborais dos creadores e, con el, á calidade do seu traballo. Nesta conxuntura, as empresas están apostando pola precariedade e por encher por encher, sen mimar o produto ofrecido. Pero son optimista porque están a xurdir moitas iniciativas interesantes e alternativas aos modelos convencionais que hai que seguir con atención.

-Algún proxecto no que estea a traballar?
-Non, por agora toca facer crecer a Ámote Leo A. nas cabezas dos lectores e lectoras e el require un esforzo de tempo e enerxía que me impide involucrarme en máis nada.

 

Esta entrevista publicouse nas páxinas da revista Qué leer, nº 193, na sección “Letras galegas”. Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.