Hai poucas datas a editorial madrileña Amargord Ediciones sacou do prelo, baixo o título Obra reunida, 1994-2008, en edición bilingüe galego-español, a obra poética de Verónica Martínez Delgado. O volumen recolle os libros que que van desde os comezos da súa carreira literaria até o ano 2008. Ademais dos volumes xa editados até o momento, inclúense tamén dúas obras inéditas formando, polo tanto, sete libros perfectamente datados, baixo prólogo de Luis Luna, responsable da edición, libro do que en vindeiras datas me ocuparei nesta bitácora.
Mais hoxe pasa por aquí Verónica Martínez Delgado para deixar dúas mostras da súa escrita poética. A autora fíxome chegar unha sorte de breve autopoética que reproduzo a continuación:
O que escribo é por riba de todo honesto e sincero. Falo de mundos oníricos, dolorosos, cotiáns… Normalmente, é unha poesía sensorial, emocional, excesiva, chea de imaxes. A dor e as referencias artísticas son unha constante na voz que fala xunto coas paisaxes vividas e coa saliva. Sempre hai un momento para as obsesións, para o erotismo e o sexo máis puros, para lembrar con nostalxia o pasado e o futuro perdidos.
A emoción convértese en concepto no tacto. É intenso o achegamento á esencia do visible, á mestura da dor e do pracer, á paixón sen medida.
No que atinxe ás dinámicas da creación Verónica Martínez afirma que polo xeral escribe “dun xeito moi pouco profesional, en libretiñas de papel, moi amodo, corrixindo moito, e tardo ano ou ano e medio en rematar cada libro, sempre cando xa non me resta outro modo de me expresar, e serve de catarse, coma evolución ou involución pero sempre cara diante, mirando de fronte á luz devastadora desde a consciencia”.
O meu agradecemento por esta achega, que entendo valiosa, para esta bitácora.
1 Comment
Os comentarios están pechados.