Asistín hoxe á presentación do último libro editado de María Xosé Queizán, O solpor da cupletista, no magnífico espazo que co que conta agora, na súa nova localización na rúa das Camelias, a libraría Andel. O libro, como advertiu Manuel Bragado, conta cunha peripecia curiosa pois editouse inicialmente nunha fermosa colección titulada Tusi-Tala que mantiña a editora viguesa Nigra, logo reeditaríase nunha igualmente atractiva edición non venal en Xerais e é agora, nesta editorial devandita, onde ve a luz na colección narrativa.
Diante dun abondoso público e tras as palabras limiares de Manuel Bragado, Mónica Bar Cendón ofreceu unha visión particular, extraordinariamente documentada e ben fiada sobre a cidade de Niza, tan relevante na biografía da Bela Otero. Pola súa parte, a autora do libro ofreceu unha breve revisión arredor dalgúns dos principais socalcos biográficos de Carolina Otero insistindo, entre outros asuntos, no determinante que resultou para o seu futuro a violación que sufriu sendo moi nena na súa Valga natal. Á conclusión mesmo houbo unha sorprendente actuación musical moi acaída para este libro e protagonizada por algunhas das integrantes dunha escola de baile viguesa.