Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras

Diego Ameixeiras

Matarte lentamente

Xerais, Vigo, 168 páxinas, 16,65 €

 

É indiscutible, de mirarmos un pouco cara atrás, a vontade de afondar nos límites e fronteiras da novela negra, de actualizar e proxectar para o presente a súa presenza na literatura galega. Neste labor, tampouco albergo dúbidas, Diego Ameixeiras ocupa un espazo salientable como amosa a súa traxectoria máis recente. Ben palmaria resulta esta intención, asemade, en Matarte lentamente, a súa última proposta narrativa.

          A novela, entendo eu, pretende espellar ficionalmente en boa medida unha radiografía do noso tempo: os desequilibrios que  o cruzan, a crise económica e esoutra fenda que se vincula coas maiores baixezas éticas e morais. Estas poden atoparse, con probabilidade, nas páxinas de información cotiá dos xornais, pero a súa presenza aquí vai máis alá pois, á fin é ao cabo, é literatura, cos pés moi asentados na terra, iso si, mais non exenta dos valores que a unha novela se lle poden esixir: que interese e que estea ben escrita por dicilo ás claras; e se no xénero pensamos apunto tan só unha mostra: velaquí unha novela negra onde a figura do detective se ausenta á mantenta.

         Ameixeiras compón un retrato coral atento a un bo número de liñas argumentais no que, dalgún xeito e través dunha estrutura fragmentaria onde a acción avanza de xeito simultáneo, todo vai ir entrecruzándose coma se dunha particular hipótese dos “seis graos de separación” se tratase… Deste xeito: que pode haber que vincule entre si unha estudante embarazada, unha detective que acabará por espiar ao seu compañeiro, unha rapaza ecuatoriana que se traslada a Compostela, un narcotraficante, un home preocupado por obter recursos para unha operación que mellore a vida do seu fillo, un personaxe dominado polo devezo de aplicar a xustiza pola man e un home e mais unha muller dos máis respectables do edificio no que viven….?, pois o autor demostra que ademais de viviren, cadaquén na súa medida, en situacións límites hai algo máis e só cómpre deixarse levar polo que aquí se ofrece.

       É esta unha novela esixente para o lectorado que perfila pois cómpre ir avanzando sen perder de vista este ou estoutro personaxe, ou inciso argumental e domínase por unha voz narradora, aparentemente aséptica, que se aplica en expor o xusto con trazos descriptivos peneirados unha e outra vez. Por xunto posibilítase que sexan os personaxes, investidos dunha inequívoca roupaxe dramática que vai in crescendo, nos que recae o maior peso do argumento.

      Todo encaixa en Matarte lentamente e nada sobra. Nela levántase acta de moitos naufraxios, persoais e colectivos, de vidas derrotadas. Ameixeiras segue a golpear as letras do teclado con intuición, efectividade e convicción. Oxalá siga así.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 14 de decembro de 2013, baixo o título de “Crónica de derrotas”.