Kermesse
Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 204 páxinas, 2013.
De facermos unha lectura, malia que sexa parcial, da prensa histórica nacionalista ou galeguista, tamén doutros xornais que non revelasen esta ideoloxía, non é difícil advertir como, ao longo do século XX, sobre todo nos anos da República, espállase aquí e acolá a visión dun bo número de poetas e narradores, chea de profundidade analítica e interpretativa, construída baixo o obxectivo de publicitar a actividade pictórica de moitos contemporáneos seus. Esa “ollada” global que, desde a colaboración xornalística concreta ou inserida soportes, intepretaba a pintura, mais tamén outras artes, coma elementos que configuraban un “todo” cultural, integrador, ponlas dunha mesma árbore…, algo que talvez na actualidade sexa menos común.
O certo é que desde Castelao, pasando por Risco ou Otero -que soubo ver nun rapaz de Bóveda de Amoeiro os ecos dunha vontade artística singular e que o tempo se encargou de confirmar-, esta atención dos literatos cara aos pintores, e mesmo a súa interacción con eles, foi un lugar común que pasa con intensidade, e dou fe que así é, por outras figuras como as de Celso Emilio Ferreiro ou, na actualidade, o propio Méndez Ferrín, por citar un dos máis destacados que de cando en vez a exerce con brillantez.
Valla este longo limiar porque que isto escribe carece de dotes para analizar e interpretar con pertinencia e profesionalidade o que hai e o que cómpre salientar da exposición que Antón Pulido mantén aberta na cidade de Pontevedra. Percórroa, admirado, unha vez máis a través do seu catálogo e o certo é que percibo que algo hai na obra de Pulido que posibilita que un leigo poida falar dela ou, cando menos, do que sente diante dela.
En Pulido dáse, ao meu xuízo, un exercicio sincrético da historia da pintura galega e mais da pintura universal constituíno un trazo que se cadra o singulariza. Un cadro de Pulido, unha paisaxe, unha instantánea, un retrato…, revela máis do que nun comezo poida parecer pois nel se xuntan, non sei se astrolóxica ou maxicamente, pegadas que van desde as que deixaron os paisaxistas galegos do XIX, pasando por Castelao, Díaz Pardo, Seoane, Colmeiro ou Maside entre tantos outros, en perfecta harmonía con movementos pictóricos internacionais -abstracción e expresionismo por exemplo- que se asumen ou reasumen en simbiose perfecta e admirable, peneirados por un estilo propio que os fai inconfudibles, onde non ten pouco que ver o tratamento fortemente colorista que lle outorga ás máis das pezas: un arco da vella sempre diverso e polifónico, sempre distinto, ateigado de luzadas directas ao reino da emoción.
Eu só podo recomendar a visita a esta mostra de Antón Pulido no Museo de Pontevedra. Non dixen que a exposición se dispón baixo o termo de “Kermesse”, palabra de orixe flamenga que nos arrastra aos eidos positivistas da festa, da ledicia, da alegría de vivir. Abofé que tamén isto é preciso, nestes tempos, aínda que sexa por un pouco e para gozar dunha magnífica exposición, da presenza entre nós dun extraordinario pintor.