CoraSons

Colectivo CoraSons

CoraSons

Kalandraka, Pontevedra, 64 páxinas, 25 € (libro, cd, dvd)

 

 

 

Dicir algo novo de CoraSons, tras a enxurrada mediática, ben merecida por certo, que este proxecto suscitou creo que é difícil. Aínda máis, participo da opinión que este convivio de poesía, música e imaxes sería ben difícil de levar a bo porto se nel non se contase en primeiro lugar  cunha alta dose de paixón por parte de quen suscitou a idea orixinal do proxecto,  ao que semella un tanto ao chou, a partir dunhas fotografías de Isabel Leal nas que a cantante Uxía  soubo ver que aí había algo máis e, en segundo lugar, que atopase acobillo nunha editorial como Kalandraka que posibilitase nunha requintada edición o que só era un probablemente un soño.

       Dá xenio, cando menos para min, advertir ao mesmo tempo como ao abeiro da lusofonía é posible artellar algo tan fermoso que xunta baixo a heteroxénea simboloxía do corazón, un feixe fotografías, dezanove cancións, poesía e un potente traballo audiovisual dunha maneira tan natural e acaída que, ademais, testemuña como a través dos fíos  da amizade e das redes de afecto poden agromar realidades musicais e culturais tan intensas e conmovedoras como a presente.

           Non canso desde hai algúns días de recomendar, con satisfacción, este CoraSons coa certeza de que canda el viaxa, de xeito invisible mais case tanxible, un fardel de ledicia, un contaxio emocionante de diversas artes que supoñen un orgullo para todas e para todos. Parabéns sinceros por materializar esta alfaia.