Manuel Gago
Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia (ilustracións de Manel Cráneo)
Xerais, Vigo, 152 páxinas, 24 €
Cales eran os costumes cotiáns, en quen acreditaban as persoas que vivían no tempo da Idade de Ferro no que logo os romanos chamarían Gallaecia? Estas son só algunhas das respostas que se poden atopar neste libro.
O seu autor, o xornalista e profesor da USC Manuel Gago, afonda con convicción e ampla bagaxe de coñecementos neste universo, tras vinte anos a darlle voltas a un asunto tan escasamente difundido, contando ademais coa colaboración do ilustrador Manel Cráneo.
O groso do volume, así pois, constitúeo un apreixamento do pasado, proxectándoo no presente dunha maneira imaxinativa e áxil a través dun monllo de dez relatos que se corresponden ao protagonismo que se lle outorga a outros tantos deuses –Reue, Navia, Cossue, Luoue ou Banda entre outros- que poboan e conforman a mitoloxía da antiga Gallaeci que se perfila con habelencia, ata agora oculta por non dicir descoñecida. É, talvez, na clave pola que se optou onde radica o éxito que, non é difícil conxecturalo, gozará este libro pois incorpora os últimos saberes que se desvelaron do noso pasado encaixándoo nun discurso áxil, coma se viñese da man dun antropólogo-xornalista que se internase no mundo de hai máis de dous mil anos co obxectivo de contaxiar a paixón polo que ve, por aquelas historias que se contaban nas cabanas daquel tempo…, historias tratadas con imaxinación e entusiasmo, mesmo con grandes doses de agarimo.
Alén desas historias iniciais orientadas cara a un público amplo, o autor incorpora un texto divulgativo e completa o libro un postfacio clarificador do profesor Marco García Quintela. Como engadido, e modelo da chamada edición estendida, pódese descubrir aínda algún material extra, a carón doutras iniciativas interesantes, na web ventoechuvia.com. Unha proposta, en fin, moi recomendable para apelar á xenerosidade do Apalpador ou dos Reis Magos, sen ningunha dúbida.
Xaime Iglesias González
José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde
Urco Editora, 235 páxinas. 15 €
Velaquí unha biografía, e algo máis, que non merecería pasar desapercibida pois supón un completo e rigoroso percorrido vital dun dos máis célebres titiriteiros que percorreu Galicia unha e mil veces: o mítico Barriga Verde.
De Voces Ceibes a Milladoiro
Galaxia, 120 páxinas + cd. 29,50 €
Imprescindible para coñecer a historia da música galega de 1973 1978 e mais o chamado “Movimento popular da canción galega”. Rigor no relato evocativo e a música incorporada, sen dúbida, un agasallo conmovedor.
CoraSons
CoraSons, Kalandraka, 64 páxinas, 25 €
Un libro-cd-dvd dos imprescindibles. Unha xuntanza única de ritmos e voces musicais galegas, portuguesas, brasileiras e angolanas, que incorpora tamén poesía e fotografía co corazón, alleo a cursilerías, como símbolo.
O edificio Yacoubian
Rinoceronte, 254 páxinas, 18,50 €
En tradución do árabe de Fátima Tourari chega esta novela que foi adaptada ao cine. Velaquí unha galería variopinta de personaxes que posibilita deseñar unha radiografía verista e sen tabús da sociedade exipcia actual.
Estas suxestións viron a luz no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, na páxina “Letras en galego”, o 21 de decembro de 2013.
1 Comment
Os comentarios están pechados.