1.– Principal trazo do seu carácter?
–A liberdade e o amor, que son o mesmo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
–A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
–A persistencia na paz, no amor, na liberdade e na responsabilidade.
5.– A súa ocupación favorita?
-O amor e a liberdade.
6.– O seu ideal de felicidade?
–A utopía libertaria.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Un mal irreparable nas persoas que máis quero e o avance de calquera tipo de totalitarismo.
8.– Que lle gustaría ser?
-Unha persoa que fai ben.
9.– En que país desexaría vivir?
–En calquera en paz e con quen amo. Amo todos os lugares.
10.– A súa cor favorita?
-O negro da liberdade total e o branco do amor total.
11. – A flor que máis lle gusta?
–As brancas ou negras absolutas.
12.– O paxaro que prefire?
-O paxaro do gozo.
13.– A súa devoción na prosa?
–Nestes momentos fragmentos de Christine de Pizan, Valle-Inclán, Camus, Carla Lonzi, Claudio Rodríguez Fer… E sempre a aberta autoría da vida verdadeira, imprescindible…
14.– E na poesía?
-Nestes momentos fragmentos de cantares de mulleres, Safo, Shelley, Pimentel, Valente… E sempre a poesía da vida e Claudio Rodríguez Fer.
15. Un libro?
–Un cuarto de seu de Virginia Woolf.
16.– Un heroe de ficción?
-Todos os homes sabios, bos e defensores da liberdade fronte aos poderes: Peter Pan na súa inocencia, os sabios de Verne…
17.– Unha heroína?
–As mulleres sabias, boas e defensoras da liberdade fronte aos poderes: Alicia a do país das marabillas, Lisístrata a pacifista…
18.– A súa música favorita?
-A música do amor e algúns nomes de música compartida: Orff, Ferré, Patti Smith…
19.– Na pintura?
-A boa pintura da vida. Cousas do Bosco ou Leonor Fini e a creación de Van Gogh, Granell e Isaac Díaz Pardo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-As xentes anónimas loitadoras e resistentes. Meus pais, na súa modestia, os primeiros. E, polas prácticas boas e os ideais de avance, Emma Goldman, as Mulleres Libres, Fourier, Gandhi, as xentes anarquistas parias e humildes…
21.– O seu nome favorito?
–Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Os indignos, como a covardía…
23.– O que máis odia?
-Non odio e, precisamente, considero nefasto o odio, que deriva do medo patolóxico e é a orixe de todos os males menores e maiores: a crueldade, a envexa, a avidez, os celos, as guerras…
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Todas as autoritarias, xerárquicas, prepotentes, dogmáticas, totalitarias, integristas, imperialistas, racistas, sexistas…
25.– Un feito militar que admire?
-Admiro a resistencia pacífica. Todas as guerras son perniciosas. Agardo que un día desaparezan os exércitos e os seus esforzos se dediquen só a tarefas humanitarias.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Facer feliz a quen quero e ser útil para todas as causas útiles que eu elixa.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-En paz e sen causar dor a quen amo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Total liberación mental e esperanza na resolución dos conflitos persoais e sociais do mundo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os nacidos do mantemento na vida e dos seus instintos vitais básicos de conservación e reprodución, e, sobre todo, os derivados do amor e da xenerosidade: toda prodigalidade…
30.– Un lema na súa vida?
– Amo mais non teño amo, dito nas “Novas noites nosas” de Vermella con lobos.
5 Comments
Os comentarios están pechados.
Carme fai unha magnífica manifestación de amor sen límites, para o seu compañeiro, para as amizades e para as xentes do mundo. Para todos e todas pide un mundo en liberdade, libre de totalitarismo e de guerras. Un desexo que eu quero compartir con ela e os seus.
Que o novo ano nos achegue algo dese amor inmenso pola vida.
Eu véxoo así tamén, sen ningunha dúbida.
Grazas por esa estima as amizades, cos vosos amigos, síntome
un pouco incluido neste apartado.
Comparto ese desexo sobre a LIBERDADE.
Moi ben polas agudas reflexións, Carme, …o canto común da Liberdade enche os de afectos os soños que temos, na Matria feliz que aínda agarda. Bicos e apertas de buxo. Mero.