Manuscritos: Rosalía Fernández Rial

Visita hoxe esta sección Rosalía Fernández Rial con dous manuscritos que abaixo se incorporan, un deles  pertencente ao poemario Átonos (2011)  e o outro a Vinte en escena (2012).

       Rosalía achega, asemade, unha sorte de autopoética baixo o título de “Forma, fondo, acción!” a través da que revela a súa clave persoal da escrita, isto é, o que consigna como “coherencia entre fondo e forma” co obxectivo “de acadar o momento máxico, a captación e transformación do lector”. O devandito texto, que se reproduce a continuación baixo a indicación da autora, viu a luz no semanario Sermos Galiza na súa versión en papel en febreiro deste mesmo ano pero non foi difundido na rede de maneira íntegra. Faise aquí coa autorización da autora. Grazas, pois, a Rosalía pola súa colaboración.

Cando un espello esperta, engule a realidade. Para soñala tralo cristal. Así, a lucidez do reflexo, fuma o corpo de quen mira, ata zoalo nun alento de néboa onírica. Virándolle as córneas ao espectador devorado.

        Coa mesma hipnose, un texto ha de escribir ao lector. Despois de esnifalo entre liñas, autovía cara á infinitude, e inmolarlle o ollar contra os temporais do imaxinario. Quebradas, xa, as pálpebras da percepción. Personaxe feito.

      Tres. Dous. Un. O ritmo do mundo márcano as plicas das letras contra o papel. O teu pulso pende do compás ao que escribo. Escóitate. Ti es o latexo desta voz sen rostro.

        Dous. Un. Habitas o corazón da partitura porque a música te raptou. Só un. Fondo e forma en perfecta harmonía. Só esa fusión separa ao literato dos demais redactores. De maneira natural. O autor sente o concilio expresivo como un arrebato de jazz ceibe. Alén de calculadoras conscientes. Flúe como un alucinóxeno que retrata imaxes gráficas; cunha atmosfera incisiva, capaz de trincar a quen le. Ves? Nun beixo barbitúrico vértome toda eu aquí. Contigo. En ti.

       Cero. Aínda que rematen as palabras, nada volverá ser igual. Os dous o sabemos. Pero es ti quen o di. 


1 Comment

Os comentarios están pechados.