O derradeiro libro de Emma Olsen
Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 124 páxinas, 13 €
Dá xenio concluír un ano de lecturas cunha novela como O derradeiro libro de Emma Olsen entre as mans. Afírmoo porque, fóra dos valores estritamente literarios que sen dúbida atesoura, arrastra canda si unha refolada de optimismo ao confirmar o asentamento de novas voces na nosa narrativa e como o fan con convicción e solidez.
Berta Dávila, deste xeito, ofrece unha proposta onde o metaliterario se sutura con habilidade nunha historia cruzada pola reconstrución memorialística das vivencias que un personaxe evoca coma se fose unha novela, malia que no fondo se trate dun exercicio de reflexión a través do que, nun estado terminal, se quere render “contas da súa biografía persoal e literaria”, axudándose para este obxectivo de numerosas notas a rodapé que inciden na construción dunha biografía literaria, evidentemente apócrifa, que incorpora as doses de verosimilitude precisas para avanzar con complicidade polas páxinas desta historia.
Neste libro, alén dese currículo literario que se constrúe, hai espazo para revelar grandes e pequenos segredos, articulados ás veces nas simetrías da protagonista con personaxes ben deseñados nas súas diferenzas como son a perturbadora Clarissa, Bill, John ou profesor Montana por citar algúns, mais tamén o hai para o que chama “baleirar o vaso da conciencia”, isto é, para falar sobre o amor, os afectos e os desafectos, as deslealdades, a consideración do que é a familia e o que non, os sentimentos e actitudes diante da vida e, mesmo, a carón do que é a loita pola propia supervivencia, deseñar unha moi particular e singular visión da morte, ben presente desde as primeiras páxinas do libro, algo que se vincula co lugar de Faith e cos resignados habitantes que a habitan, esa colmea da que Emma un día saíu e á que retorna para realizar o derradeiro escrito.
Interesáronme, e de maneira salientable, alén das reviravoltas desa vida singular de Enma Olsen rescatando un pasado coa intención de se explicar a ela mesma, aqueloutros elementos que están detrás da novela e que apuntan ao que no propio texto se denomina como “máscaras da literatura”, isto é, ese xogo de equilibrios entre a modalidade ficcional que abala entre o rexistro novelesco e o memorialístico e, en última instancia, aquel que perfila a proposta como un manuscrito editado agora traducido.
Apúntase na novela, nunha determinada altura, que as casualidades determinan, por veces, o destino dunha vida; non sei se é o caso da autora e a súa dedicación á escrita mais se así fose cómpre dicir que iso posibilitou ler unha estupenda novela coma a presente.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 28 de outubro de 2013 baixo o título de “O misterio de Emma”.