Unión Libre. Cadernos de vida e culturas nº 18

Sigo con moito interese a revista Unión Libre. Cadernos e vida e culturas desde os seus primeiros pasos cando se publicaba ao abeiro das Ediciós do Castro até hoxe, que o fai a través da rede. Pareceume, desde sempre, unha revista diferente e singular que soubo depositar un especial coidado e equilibrio entre os contidos e a estética.  Por todas estas razóns é un pracer para min reproducir a nota informativa da aparición da última entrega da revista que se pode consultar na rede. Beizóns por continuar con esta iniciativa.

Unión libre. Cadernos de vida e culturas é unha revista de creación e pensamento aberta aos temas máis vitais e interculturais de Galicia e do mundo: mulleres, paz, memoria histórica, celtismo, erotismos, canción, cinema, anticolonialismo, vangarda, sempre dende unha perspectiva de avanzada libertaria e cun deseño artístico integral. Foi publicada por Ediciós do Castro durante os seus primeiros quince anos e nos tres últimos na rede.

       Coordinada dende 1996 por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer e ilustrada por Sara Lamas, ten un comité de redacción internacional formado por Xosé Luís Axeitos, Vsévolod Bagno, Diana Conchado, María Lopo, Carme Junyent, Lily Litvak, Kathleen N. March e Olga Novo. Contou coa presenza galega de numerosos artistas e escritores -Isaac Díaz Pardo, Luz Pozo Garza, Santiago Lopo-, así como coa colaboración de intelectuais residentes fóra de Galicia como Noam Chomsky, José Ángel Valente, Juan Goytisolo, Antonio Gamoneda, Joan Brossa, Ana Hatherly ou Regina Goerger. Presentou ademais tradución ao galego de textos tan significativos como os clásicos eróticos latinos, Hölderlin, Rimbaud ou Dylan Thomas ao longo dos seus dezaoito anos de existencia.

    O seu número 18, correspondente a 2013, contén o monográfico “VISIÓNS”, composto por tres miradas fotográficas persoais sobre Europa, Austin (Texas) e Nova York, respectivamente debidas aos escritores Tera Blanco de Saracho, Lily Litvak e Claudio Rodríguez Fer (pódese consultar premendo aquí).