O 2013 en 1000 caracteres

Nestes días de balances solicitáronme, desde as páxinas culturais de La Voz de Galicia, unha brevísima revisión de urxencia a través de cinco referencias do que, ao meu xuízo, podía considerarse como o máis salientable no que se refire á literatura galega deste ano que conclúe mañá. O artigo insírese nunha panorámica máis ampla e global do que aconteceu noutras manifestacións culturais e artísticas. Reproduzo abaixo a miña colaboración, que tamén se pode consultar aquí.

A concesión dos máximos galardóns literarios de ámbito estatal a Os ángulos da brasa e máis a Ardalén, de Álvarez Torneiro e Miguelanxo Prado, respectivamente, puxo o foco sobre as letras galegas. Un xusto recoñecemento a propostas (dun poeta e dun historietista) extraordinarias escritas orixinalmente en galego; e a primeira, só editada na nosa lingua.

Todo nun curso que celebrou os 30 anos do premio Xerais de Novela e os 25 do García Barros, esenciais para a nosa narrativa.

Outro acontecemento foi a tradución do Ulises, de James Joyce (Galaxia), porque non podía faltar un texto clave na literatura universal na nosa lingua. Os integrantes do Grupo Nós xa o souberon ver así e case 90 anos despois é unha realidade.

Ao tempo cumpriría analizar as razóns, pero a efeméride dos 150 anos de Cantares gallegos talvez escureceu a atención que debería suscitar Vidal Bolaño. O número de publicacións xeradas pola primeira así o testemuña, malia ofrecerse achegas estimables arredor do segundo.

A diminución de novidades nos grandes xéneros levou aparellado un aumento nas publicacións para un público infantil e outros proxectos que vinculan narrativa, ilustracións e música de nós. Benvidas sexan!