Cuestionario Proust: Xabier López López

Xabier López López

1.– Principal trazo do seu carácter?
-Unha (non de todo certa) acusada seriedade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
-O moito que me poden obsesionar determinados asuntos.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ler e escribir sen horarios (e coa familia preto).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder a miña familia.
8.– Que lle gustaría ser?
-Pois un escritor mellor do que son.
9.– En que país desexaría vivir?
-En calquera no que poidamos falar dunha democracia avanzada e dun verdadeiro estado de benestar. O clima importa menos.
10.– A súa cor favorita?
-A do monte no outono.
11. – A flor que máis lle gusta?
-O caravel, sen dúbida.
12.– O paxaro que prefire?
– O bexato, por nacer del o alcume dunha póla familiar.
13.– A súa devoción na prosa?
-Sumo demasiadas como para non desbaratar este cuestionario.
14.– E na poesía?
-Estou moi anticuado ao respecto: Pablo Neruda?
15.- Un libro?
-Por moito que pasen os anos e as lecturas, Der Zauberberg, A montaña máxica, de Thomas Mann.
16.– Un heroe de ficción?
-Non baixo da montaña: Hans Castorp.
17.– Unha heroína?
-Sigo aí arriba: Clawdia Chauchat.
18.– A súa música favorita?
-O pop-rock ben entendido (nada de radio-fórmula).
19.– Na pintura?
-Non entendo demasiado de pintura. Maruja Mallo está ben.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Xa non creo nos heroes (ou heroínas) da vida real.
21.– O seu nome favorito?
-O dos meus fillos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Facer ruído cando non toca.
23.– O que máis odia?
-O desprezo á intelixencia (propia e allea) dalgúns actores políticos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Hai demasiados tiranos, déspotas e iluminados como para que poida quedar cun só.
25.– Un feito militar que admire?
-Non admiro nada que teña relación co militar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Poder voar ( e non ter medo ás alturas).
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-Durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Se non soase demasiado mal, diría que entre a euforia e o abatemento.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que non se poden evitar.
30.– Un lema na súa vida?
-A versión de andar por casa do imperativo categórico kantiano: “non lle fagas aos demais o que non queres que che fagan”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.