Pedro Feijoo (Vigo, 1975) formouse no ámbito da filoloxía, exerceu durante algúns anos como músico profesional, produtor e compositor e foi membro de diversos grupos musicais. En 1997 publicou os ensaios Cousas do <<Galicia>> de Castelao (1997) e Viva o Fu Remol! (2005) centrados, respectivamente, na relación de Castelao co xornal Galicia de Valentín Paz-Andrade e nos problemas do panorama musical galego contemporáneo.
En 2011 publicou Os fillos do mar, novela que se converteu nun dos best-sellers máis destacados da literatura galega recente sendo traducido posteriormente ao castelán en Espasa Narrativa. A memoria da choiva é a súa última proposta narrativa: un thriller no que se perfila un singular descendente de Rosalía de Castro.
-Que queda do éxito fulgurante da súa anterior novela?
-Con Os fillos do mar puiden confirmar unha intuición. O libro era case unha aposta contra o vento, e eu estaba convencido de que era un tipo de literatura que se podía facer entre nós. Saber que á xente, ou a algunha xente, lle gustara o meu libro posibilitou que puidese seguir por ese camiño. O que non é o mesmo que reutilizar a fórmula, algo que con esta nova novela non fago exactamente. Para min foi un agasallo: demostrar que podiamos saír de certo círculo de lectores militantes.
–A presenza de páxinas desasogantes e de contido violento supoñen algo diferente da súa anterior novela…
-Resulta premeditado e aleivoso… Procuraba sacudir, saír tamén do tópico… Eu non sei ben que é a novela negra nin creo seguir o canon establecido: o personaxe protagonista da anterior era un arquitecto e agora é un xornalista. Non desexo personaxes canónicos que ofrezan algo que xa se espera.
-Rosalía de Castro xoga un papel esencial no seu libro, por que?
-Eu só desexo entreter e non dou leccións sobre nada. Rosalía e a súa obra resúltanme interesantes para achegar aos lectores a este tótem da nosa cultura e ofrecer outra lectura, un tanto diferente e talvez distante, da oficial.
-Este xornalista, Aquiles, comparte co protagonista d´Os fillos do mar doses de ironía e asume certo sentido de derrota….
-O que acontece cos personaxes das miñas novelas preocúpame porque agora traballo noutro proxecto e decátome que se perfilan dese xeito de maneira natural. Talvez a razón radique en diversas influencias que un ten porque eu non me considero un escritor ao uso: a min inflúenme músicos, cineastas e outros artistas, tamén escritores, loxicamente. No fondo, quizais, sexa covardía miña…, polo menos nas novelas podo ir conseguindo que eses outros “eus” saian ben parados.
-O ritmo na novela non adoece de falta de intensidade…
-Unha cousa é a intención e outra cousa é o resultado final e como o ven os lectores. Persoalmente este factor supón para min unha gran responsabilidade: é como un traballo ao que me encomendo con convicción e que persigo páxina a páxina, é dicir, que sempre busco que algún elemento, algún asunto, provoque que se vaia avanzando con ganas de descubrir máis.
–Dicía Manuel Bragado, editor da novela, que con esta narración o mundo literario galego entra na serie negra…
-Este tipo de novelas faise constantemente noutras literaturas. Hai moitos autores que xogan con realidades propias e as exportan fóra. A min esta intención parecíame axeitada porque son mecanismos alcanzables que me permiten chegar aos lectores dun xeito entretida e doado, e onde quero que sempre quede algo. Pero respondendo á pregunta pois si, poida que si.
Esta entrevista publicouse nas sección “Letras gallegas” da revista Qué leer, nº 194. Reproduzo aquí a súa versión en galego.