Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica

Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica

Bolanda, Compostela, s/p, 2013, 19 €


Pasados os anos un mira con certa saudade a colección íntegra da Fotobiografías de Edicións Xerais e mesmo as Fotobiografias sonoras de Ouvirmos. A través dos seus contidos, dese xuntoiro marabilloso e coidado que harmonizaba imaxes, textos e son un foi aprendendo moito e achegándose con garantías ás biografías e ás obras de tantas autoras e autores de noso. Digo con saudade, e con certa mágoa, pois eses proxectos resultan, hoxe por hoxe, moi complexos de asumir cando as institucións que deberían apoiar estas iniciativas ignoran o necesario e rendible que, cultural e formativamente, debería ser outorgar o apoio preciso para que estas publicacións se materializasen e chegasen a bo porto.

    Unha iniciativa semellante é a que me chega da man de  Bolanda, editora que particularmente descoñecía, co título Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica. Nela incorpórase unha autobiografía completa de Neira Vilas a xeito de completo limiar que preludia un corpus de máis de 100 fotografías baixo a intención de amosar o percorrido vital e mais literario do escritor de Gres, distribuíndoo ao longo de catro bloques que van desde os seus primeiros días e as vivencias da adolescencia en Gres até hoxe, pasando  polos períodos da emigración bonaerense e cubana e o seu retorno a Galicia onde creou, con Anisia Miranda, a Fundación que leva o seu nome.

     Ler as páxinas onde se recolle esa autobiografía do autor, ir revisando o seu periplo vital, reparar nas fotografías que se incorporan -moitas delas inexcusable testemuños visuais de acontecementos da nosa historia máis recente que el protagonizou-, consultar os pés de foto, ollar o conxunto de caricaturas do autor ou algunhas das cubertas dos seus libros, resultou un exercicio que, sen dúbida, fai xustiza ao que Neira simboliza, felizmente, na nosa cultura e na nosa literatura. Beizón por este proxecto e oxalá a serie goce de continuidade.