Jorge Emilio Bóveda
A xanela insólita
Urco Editora, Santiago, 211 páxinas, 16 €
Marcos Lorenzo
Karlotti, un poema crónico
Axóuxere, 224 páxinas, 14 €
En ocasións hai libros que pasan con pés de la polas mesas de novidades das nosas librarías e que non se visibilizan como realmente cumpriría. Creo que este é o caso destes dous ensaios que hoxe cadran cirunstancialmente neste comentario. Ambos os dous, ao meu parecer, escritos desde o rigor e a honestidade cos asuntos tratados.
A XANELA INSÓLITA
Subtitulado como “Unha historia reducida da ficción científica literaria” este ensaio do narrador ourensán Jorge Emilio Bóveda ofrece, que eu saiba, o primeiro achegamento realizado entre nós e de certa entidade, baixo un prisma divulgador, a ese corpus literario que constitúe a tamén chamada literatura de anticipación, ou ficción especulativa, xénero estreitamente vinculado coas esencias do proxecto editorial de Urco, casa na que ve a luz.
O percorrido que Bóveda ten o mérito de desvelar a quen el se achegue, sen que se advirta con prepotencia unha ampla bagaxe de lecturas e documentación, repara nas orixes ou fontes do xénero, pasando pola súa presenza nos tempos da revolución industrial e o pulo determinante que imprime Jules Verne para deterse na etapa pulp americana coa que se bautizou oficialmente o xénero, sen esquecer a análise da evolución do xénero no ámbito soviético e noutros países, reservando un espazo para unhas moi reveladoras páxinas dedicadas á ficción científica galega.
A xanela insólita afonda, asemade, nas perspectivas de futuro que pode presentar hoxe o xénero alén de non esquecer cuestións como as que apuntan á súa funcionalidade efectiva no ámbito literario e ás vinculacións con outras artes como o cinema ou a banda deseñada. Ademais, e non é un dato menor, o autor opta por abrazar un discurso áxil, suxestivo e en absoluto académico, o que non está rifado co rigor que unha obra coma esta precisa e amosa.
KARLOTTI, UN POEMA CRÓNICO
Marcos Lorenzo publicara, en 2005, un libro de aforismos baixo o título de Liquidación de existencias e continúa arestora a súa particular andaina polos eidos do ensaio e a reflexión co título Karlotti, un poema crónico, unha proposta que abala entre a crónica vivencial, xeracional por extensión, e a biografía, tomando como foco de interese a atención que suscitou en Lorenzo a figura do poeta e denominado “gurú underground” Juan Carlos Valle, “Karlotti”.
Aprendeu e gozou moito, quen isto escribe, con este libro que constitúe a primeira entrega dun proxecto máis amplo onde verán a luz máis volumes de características semellantes baixo o epígrafe de “vividores” –na acepción semántica de quen sabe vivir ben-, ideado baixo a intención de facilitar o acceso ao que o autor denomina unha sorte “biosofía”, facendo uso dunha formulación peculiar da “técnica antropolóxica da historia de vida”, ao meu parecen moi efectiva. O groso do volume constitúese por un diálogo, áxil e substancioso, entre biógrafo e biografado a través do que se exhibe o particular e intenso percorrido vivencial, marcado polas querenzas libertarias e literarias, que simboliza “Karlotti”.
Particularmente recomendo tamén ler con vagar as páxinas introdutorias deste libro. Lorenzo debulla, facendo gala dunha escrita áxil, aguilloante e naturalmente reflexiva, algunhas claves sociolóxicas do noso tempo e faino con lucidez e accesibilidade. Non é pouco.
Esta recensión saíu publicada nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 11 de xaneiro de 2014 baixo o título de “Dous ensaios (moi) pertinentes”.