Miro Villar: "A primeira vez que se reivindicou a poesía do mar na literatura galega foi con López Abente"


Miro Villar é profesor, poeta, tradutor e crítico literario, ademais do editor literario de Poesía completa de Gonzalo López Abente.

-Que significa a súa obra para a literatura galega?
– Gonzalo López Abente é un dos poetas máis interesantes das primeiras décadas do século XX, con Cabanillas e Victoriano Taibo. Todos tres representan a poesía das Irmandades da Fala. Alén diso, Abente era moi valorado na súa época, por Antón Vilar Ponte ou por Vicente Risco que o definiu como «o noso mellor poeta do mar» e devecía polos seus sonetos de Do Outono (1924). De feito, Abente foi elexido en 1936 polos seus coetáneos para presidir a primeira Asociación de Escritores Galegos, outro proxecto fanado pola golpe fascista de 1936 e a guerra (in)civil.

– De onde naceu o seu interese polo autor?
– Hai ben anos. O antropólogo muxián Manuel Vilar dirixía a revista cultural Decrúa (1985-1986) e foi quen me deu a coñecer a poesía de Abente, da que me fixen devoto, e xa logo tamén a súa narrativa e o seu teatro. Anos despois o mesmo Manuel Vilar e o daquela alcalde Bautista Pose Paz fixéronme a encarga de realizar unha Antoloxía poética (Espiral Maior, 1992), que presentamos coa presenza do poeta Manuel María, quen nos descubriu a súa relación con Abente.

-Cal é a orixe desta Poesía completa?
– Constituída en 2010 a Fundación López Abente en Muxía, da que fun unha das persoas fundadoras, principiou a valorizarse a reedición da súa obra para o seu mellor coñecemento. De primeiras levei adiante a edición literaria de Bretemada (Alvarellos, 2011), poemario mecanoscrito inédito que se atopaba depositado na RAG e do que souben polo investigador Ernesto Vázquez Souza. E axiña a Fundación pediume que traballase na compilación da súa Poesía completa, labor ao que me entreguei decontado e que rematou nesta edición de máis de 600 páxinas, que xunta oito libros, textos inéditos e dispersos e a súa breve poesía en castelán, pois Abente foi por vontade propia un poeta monolingüe.

-Que particularidades encerra este proxecto?
– Moitas, mais o maior atranco está no feito de que Abente enviou textos a ducias e ducias de publicacións galegas, da península (tamén Portugal) ou da diáspora galega, nomeadamente a Cuba e a Arxentina. Moitas destas publicacións non se conservan completas ou estaban en moi mal estado cando as consultei, algo que mellorou neste últimos tempos coa dixitalización dos fondos. Porén, é posible que apareza aínda algún texto non compilado. Ora ben, pouco engadiría ao seu corpus poético, definitivamente establecido. Tamén é salientar que nunha vida literaria de case 70 anos o autor camiña á par do proceso de estandarización da nosa lingua, iso implica moitas variantes, polo que optei pola edición testamentaria, a última en vida do autor ou fixada nun libro.

– Risco cualificou o autor muxián como “poeta do mar”: un xuízo acaído ou reducionista?
– Todas as etiquetaxes son reducionistas sempre, porén Risco estivo moi asisado no seu xuízo, xa que era a primeira vez que se reivindicaba a poesía do mar na nosa literatura, que vivía de costas á costa, nunca mellor dito. Manuel Antonio na preguerra e Avilés de Taramancos ou Bernardino Graña na posguerra incorporaron de cheo a lírica do mar ás nosas letras. Para min, Abente é sobre todo o poeta de Nemancos, topónimo en desuso que representa a zona sur da Costa da Morte. Por certo, o propio Abente nunca utilizou esta última denominación, non lle gustaba nada e nos seus poemas sempre fala de “costa brava”. O xornalismo fixo triunfar o topónimo que hoxe nos define.

-Quedan aínda facetas de López Abente que rescatar? Penso na peza teatral María Rosa, de sorprendente orientación feminista…
– Niso anda a Fundación López Abente. O seu vicepresidente, o poeta Rivadulla Corcón, anda a xestionar a recuperación literaria desa peza e tamén a posibilidade de a representar, case un século despois da súa estrea nas táboas.

– O labor desenvolto pola Fundación que leva o nome do poeta é crucial no espallamento da súa obra. Perfílase algún novo proxecto?
– Xan Fernández Carrera vén de rematar unha “Unidade Didáctica”, dirixida aos estudantes de primaria e secundaria. E están eses proxectos de recuperar o seu teatro e tamén a súa novelística, pois a súa narrativa breve xa foi compilada por Xesús Sambade en Xerais. E na cabeza do patronato da Fundación, do que non fago parte, buligan moitas outras propostas.

Esta entrevista publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 11 de xaneiro de 2014. Engádese unha pregunta e mais unha resposta que, por cuestión de espazo, non puido aparecer na edición impresa.