Poesía completa, de Gonzalo López Abente

Gonzalo López Abente

Poesía completa (edición de Miro Villar)

Espiral Maior-Fundación López Abente, A Coruña, 2012, 620 páxinas, 30 €

En maio de 2012 gocei da oportunidade de verificar o interese e agarimo que espertaba a figura de Gonzalo López Abente en Muxía, cando participei, xunto con Suso Sambade, Manuel Bragado e X. H. Rivadulla Corcón, no acto de presentación dun volume que recollía, mercé ao rigor despositado no proxecto polo profesor Sambade, as novelas de temática vinculada co mundo do mar que subscribiu Abente e que viron a luz baixo o título de Narrativa mariña. Pasado o tempo, e tras se celebrar hai uns meses o cincuenta aniversario do falecemento do autor, chega arestora o volume que compila a totalidade da poesía que, ao longo da súa vida, publicou Gonzalo López Abente no que considero unha das achegas, no ámbito da investigación e difusión da obra dun autor, máis salientables dos últimos tempos. Cómpre tamén salientar o papel que nestes proxectos vén desenvolvendo a Fundación que leva o nome do poeta: un intenso e incansable traballo que mantén aceso o facho da súa memoria e aposta decididamente pola divulgación da súa obra.

         Teño para min que a escolla do editor do volume supón, sen dúbida, unha das mellores garantías para que un traballo desta índole chegue a bo porto. O profesor Miro Villar dedicou, malia súa xuventude, moitas horas ao labor de procura, esculca e interpretación do legado poético que, entre outros autores obxecto das súas investigacións, López Abente deixou en múltiples publicacións e non só en forma de libros. Deste interese xa naceron diversos traballos que testemuñan, por un lado, o innegable criterio de autoridade que ofrece o profesor Villar arredor da obra literaria de López Abente e, polo outro, a paixón depositada no obxectivo de facer saír á figura do poeta muxián do entorno local e proxectalo como unha das voces poéticas galegas máis salientables do seu tempo.

         Esta Poesía completa, así pois, camiña con decisión e solvencia cara a ese horizonte que sitúa a abondosa obra dun poeta da época das Irmandades da Fala no seu xusto lugar. Optando por gardar fidelidade ás edicións testamentarias dos libros publicados en vida do autor ou aqueles que viron a luz pouco despois do seu falecemento, quen se achegue a este volume terá a oportunidade de ler, ou reler, os cinco libros que se editaron en vida do poeta –Escumas da ribeira, Alento da raza, D´outono, Nemancos e Centileos nas ondas-, mais outros tres editados postumamente –Bretemada, Decrúa Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca-, alén dunha estimable achega que constitúen un grupo de composicións poéticas aparecidas en  revistas e xornais, xunto con algúns inéditos e unhas breves poesías en castelán.

       Recomendo vivamente esta edición pois cómpre non desaproveitar unha oportunidade para recoñecer a voz dun dos grandes poetas da nosa tradición, dono dun “clasicismo atlántico” como Risco o definiu. Parabéns pola iniciativa a todas as persoas e entidades que tiveron algunha responsabilidade no proxecto.

Esta recensión publicouse baixo o título de  “Un acto de xustiza” no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 11 de xaneiro de 2013.