51 páxinas das nosas letras

51 páxinas das nosas letras

Parlamento de Galicia, Santiago, s/p, 2013.

 

Dun xeito casual e mercé á xenerosidade dun amigo cheguei a este 51 páxinas das nosas letras, unha iniciativa mediante a cal o Parlamento de Galicia decidiu conmemorar o 50 aniversario da posta en marcha do Día das Letras Galegas. O libro, tras os preceptivos limiares institucionais, presenta unha introdución do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, no que deseña brevemente o mapa literario galego desde 1863 e mais sintetiza a fortuna da celebración do Día das Letras Galegas desde os seus comezos até a actualidade.

         O groso do volume constitúese pola reprodución da efixie dos cincuenta e un protagonistas do Día das Letras, de Rosalía de Castro até Vidal Bolaño, insculpidos nunha medalla que foi deseñada polo caricaturista Siro e realizada polo escultor Manuel Ferreiro Badía; efixie que acompaña un breve texto que explica a vida e mais a obra dos autores e autoras homenaxeadas e que procede da man de académicos e académicas que xa redactaran estas propostas en 2012 para o libro Todas as letras do Día das Letras Galegas.

        A publicación, así pois, espella os contidos dunha exposición que, polo que sei, gozará dun carácter itinerante por toda Galicia. Existe un acceso ao volume desde esta ligazón.