A rede galega medra: novas propostas literarias, culturais e de crowdfunding

De observar o que ocorre na rede entre nós non resulta difícil advertir como, nos últimos tempos, van aparecendo diferentes iniciativas en formas de blogs ou webs, a meu entender todas moi vivificadoras e suxestivas dentro dos seus respectivos focos de actuación e interese. Permítome, a risco de esquecer algunhas, citar o Magacine Cultural Galego de Montse Dopico; o Café Barbantia, onde un grupo de persoas se agrupan arredor deste blog ou a coidada revista Palavra Comum – Artes e letras da lua nova. Proxectos, todos eles, que agroman desde as instancias do voluntarismo, individual ou colectivo, que aposta por ofrecer interesantes espazos informativos, creativos ou de opinión. Algo que contrasta, por certo, con realidades asumidas noutros países nos que asumen a literatura e a cultura como un patrimonio irrenunciable que cómpre alentar e apoiar, tamén institucionalmente (véxase, por exemplo, este novo e magnífico portal das letras catalás).

     Neste ámbito das novidades na rede quixera salientar, pola súa orixinalidade e afouteza,  o nacemento de  Ith, unha plataforma literaria de proxectos en crowfunding, que chega da man da Fundación Uxío Novoneyra e da que sobre todo me atrae a idea nuclear de “crear comunidade” a partir da procura de financiamento para a edición de proxectos que, doutro xeito, terían moitas dificultades para saír adiante. Hai dous que xa están en marcha e recomendo vivamente a consulta da súa web  para obter máis información sobre esta nova plataforma á que lle desexo moita sorte e longa vida.