Manuscrito: Yolanda Castaño

Continúa a se ampliar o fondo desta sección, incorporándose hoxe unha mostra manuscrita da poeta Yolanda Castaño que optou,  en amable resposta ao meu requirimento, por ofrecer a quen pasen por esta bitácora un documento que, no seu día, foi un papel real no que se creou un novo poema, mantendo así pois as riscaduras e emendas propias do proceso creativo.

      A autora de Profundidade de campo confesa que non é práctica habitual nela aplicar un proceso de corrección moi intenso nos poemas, nas súas palabras: “os textos vanse facendo durante tempo na cabeza (púense, mellóranse, dáselles voltas…) pero cando xa se escriben, xa pouca emenda chega a virlles”.

     No que se refire ao proceso de creación propiamente dito Yolanda Castaño escribe sempre todas as composicións a man, mantendo “un tipo de relación corporal cos textos”, quizais por inevitables querenzas analóxicas:  “preciso tocar o papel, sentir o seu tacto e ir vendo a tinta depositarse sobre el ao movemento da miña man”, para logo aplicarlle unha corrección lingüística e doutras ordes xa na pantalla do ordenador.

       A oportunidade deste manuscrito é de agradecer pois xustamente, alén de espellar a grafoloxía da autora e as dinámicas creativas a través dun texto, ofrece unha composición  até hoxe inédita, a xeito de adianto, do seu poemario A segunda lingua, que resultou galardoado co premio da Fundación NovaCaixaGalicia na súa undécima edición.  O seu título é «A poesía é unha lingua minorizada”. Grazas pola deferencia.

1 Comment

Os comentarios están pechados.