Luzes en Vigo: "trazando a xeografía da esperanza con parachuvas surrealistas"

Asistín onte á presentación, realmente multitudinaria, da segunda entrega da revista Luzes  que tivo lugar na libraría Librouro. Gustoume moito que se elixise a cidade de Vigo para tal fin pois xustamente neste número hai colaboracións ben significativas sobre algunhas cuestións de actualidade como o conflito de Porto Cabral por poñer un exemplo.

    O acto foi moi breve e intenso, como particularmente penso que deben ser as presentacións. Abriu a quenda o xornalista Eduardo Rolland, no papel de presentador, amais de colaborador do proxecto. Continuou co uso da palabra a miña querida amiga Tati Mancebo, membro do Consello de Redacción, afondando nas claves dun proxecto ideado para sosterse no tempo diante do enigma da viabilidade que, ao que parece, se vai conseguindo non sen esforzo.

     Iago Martínez expuxo, alén de constatar que a revista estaba por riba das iniciais previsións e de debullar un “spoiler” moi contido, que esta quería ser unha proposta “aberta” e “que escoitase”, articulando así unha serie de enquisas enviadas ás persoas que se subscribiron ao proxecto, dinámica na que se atopaba o propio acto da presentación coa intención de “conxurar o ensimesmamento natural das redaccións”.

    Pola súa parte, Xosé Manuel Pereiro comezou contestando á lóxica pregunta das causas que o levaron a embarcarse nesta aventura e que cifrou “nesas cousas que che gustaría ler e que ti quererías facer”. Tras o relato da dinámica que foi xuntando ás persoas que están detrás do proxecto, subliñou dous elementos que, a meu entender, resultan moi relevantes e definitorias de Luzes como son a singularidade de se tratar dun “proxecto único no Estado”   e  a extraordinaria resposta que tivo e ten da sociedade civil.

    Pechou o acto Manuel Rivas, quen insistiu nesa vontade que paira sobre a revista de “trazar a xeografía da esperanza con parachuvas surrealistas”, tal e como avisara nun chío previo ao acto de onte. A partir dun símbolo tipógrafico artellou un discurso reparando na necesidade do xornalismo na actualidade, deténdose na condición de “ben público” do mesmo nun tempo de precaridade e de demouca constante da información, alén de insistir na condición militante do proxecto e no interese explícito de ir configurando nas súas páxinas o “mapa do lugar real” no que alentamos, isto é, perseguindo o propósito de converter Luzes nun “país portátil” que espelle a súa diversidade. O acto aínda contou coa intervención dalgunhas persoas, destacando a dun representante do movemento veciñal de Porto Cabral.

     Saín moi contento desta presentación. Penso que sería estimulante para as persoas que teñen responsabilidades na revista mais tamén para a totalidade do público que alí asistiu. Por suposto, saín da libraría coa segunda entrega embaixo do brazo e deixo aquí constancia do meu desexo dunha longa e vizosa singradura a esta dorna informativa e cultural.