Desde hai sete anos fanse públicos nestas datas os resultados das enquisas sobre “os mellores” de cada período anual, iniciativa que Fervenzas Literarias ten a ben organizar, contribuíndo de maneira salientable a vivificar e agrandar a presenza da literatura galega na rede, supoñendo o primeiro marcador anual de recoñecementos a obras editadas e outras modalidades creativas, culturais e informativas no que a todas luces é un grande esforzo organizativo que leva a cabo esta plataforma literaria galega de referencia. Grazas, en primeira instancia, a Nacho Alonso e a quen colabora con el por manter aberta esta xanela imprescindible.
Particularmente deixo constancia aquí do meu agradecemento pola consideración que se fixo desta bitácora como mellor blogue e de quen a leva como mellor crítico deste pasado ano, e tamén por circular noutras modalidades. Entendo estes recoñecementos como estímulos que alentan para seguir a traballar con novos folgos.
Grazas, pois, a todas as persoas que por aquí pasan de cando en vez; a todas aquelas que colaboran coas miñas iniciativas: medios xornalísticos, librarías, casas editoras ou autoras e autores que sempre atenden os meus requirimentos con xenerosidade. Grazas a Blogaliza polo soporte; ao meu amigo Anxo Cabada, que me subministra o material fotográfico do cabezallo e a Lucía L. Bayo pola axuda técnica para solventar atrancos e mellorar aspectos estéticos do blogue.
Parabéns, finalmente, a todas as persoas, libros e demais modalidades galardoadas: un orgullo estar a carón de todas elas e tamén das que non lles tocou en sorte estar, sen excepción. Seguimos adiante!
Parabéns! Está claro que o traballo ben feito ten recompensa!
Moitas grazas!