"Doce canciones gallegas", de Begoña Salgueiro (soprano) / Brais González (piano)

Begoña Salgueiro / Brais González

Doce canciones gallegas

Andavira, Santiago, 116 páxinas (edición bilingüe)

No ermo cultural galego que se perfila ao longo dos primeiros anos da posguerra, quebrado no aspecto editorial pola actividade da colección poética Benito Soto, polo quefacer de editoras como Monterrey e Bibliófilos Gallegos ou polos primeiros pasos que vai dando a editorial Galaxia, sorprende a existencia dunha iniciativa que xuntou, felizmente, poesía galega, ou certa poesía galega, e música, inserida esta última na denominada tradición do lied. Refírome ás partituras e aos textos poéticos que viron a luz, editados pola Deputación de Ourense no ano 1951, baixo o título de “Doce canciones gallegas”, así en castelán malia que todos os textos sexan en galego,  e que vén de editar nun volume a soprano Begoña Salgueiro quen confesa que estableceu hai anos “unha historia de amor” con este proxecto, rescatando a publicación dunha copia que obraba nos fondos da biblioteca madrileña do Auditorio Conde Duque e que agora interpreta e ofrece, xunto co pianista Brais González, nun cd que se adxunta ao libro e que se converte, así pois, no primeiro rexistro sonoro accesible deste repertorio musical, gravado ad hoc no Auditorio de Galicia en xuño do ano pasado.

          O  limiar do volume, subscrito por Luís Costa, revela con claridade a orixe destas “Doce canciones gallegas” que parten dun proxecto inicial que abrazou o crítico e musicógrafo ourensán Antonio Fernández-Cid, quen concitou o traballo de doce compositores para este ciclo, entre os que salientan nomes de altura como os de Joaquín Rodrigo, Jesús Guridi, Xavier Montsalvatge ou Fréderic Mompou, entre outros talvez con menor celebridade pero igualmente relevantes como foron Ataúlfo Argenta ou García Leoz.

            O volume incorpora, alén dos textos musicados en versión bilingüe e da reflexión sobre o atractivo traballo artístico que enriquece o volume e que vén da man de Menca Estévez, un ensaio do crítico Carlos L. Bernárdez, que repara acaidamente no contexto no que a publicación sae á luz orixinalmente, analizando asemade as composicións que resultaron escolleitas para proceder á súa musicación -dous poemas de Rosalía de Castro, cinco de  Ramón Cabanillas e outros cinco subscritos por Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández-Oxea (“Ben-Cho-Shey”)- e estudando tanto as súas fontes como o significado que cada unha das escollas pode simbolizar.

            Teño para min que supón unha regalía e mais unha fortuna recuperar esta iniciativa tan descoñecida que harmoniza, con excelencia, poesía galega e  música. Deséxolle moitos éxitos na súa andaina.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 18 de xaneiro de 2014, baixo o título de “Poesía e música galega de concerto”.

 

3 Comments

  1. É unha andina bilingüe
    Asemade as cancións
    As que atinximos coa man
    Dos nosos benqueridos
    Rosalía, Curros, Risco
    Ben-Cho-Shey, Varela che son
    Partilladas co castelán

    Nas Doce Canciones Gallegas
    É a lingua, magoa, o que me negas
    Malia pra calidade do contido ollo
    Outras doces cancións galegas escollo.

Os comentarios están pechados.