De Voces Ceibes a Milladoiro, de Antón Seoane

Antón Seoane
De Voces Ceibes a Milladoiro
Galaxia, Vigo, 2013, 120 páxinas, 19,50 €

Ocupeime deste título, moi brevemente e co obxectivo tan só de contribuír á súa visibilización, nunha descrición de urxencia sobre recomendacións bibliográficas para este pasado Nadal. Participo da opinión que é inxusto dedicarlle apenas tres liñas a unha achega que, ademais, resultou salientada xustamente no portal Fervenzas Literarias como unha das publicacións máis interesantes que, no ámbito da investigación e ensaio, viu a luz ao longo do ano pasado.

            O volume, ao meu ver, resulta extraordinariamente preciso para desvelar, desde as instancias dunha persoa como Antón Seoane, que protagonizou unha parte substancial da música galega contemporánea, o que é a historia do Movimento Popular da Canción Galega, tal e como reza no subtítulo do ensaio. Pero o aínda o é máis porque desvela, a xeito de memoria persoal que indiscutiblemente se proxecta como colectiva, as claves do acontecido na música galega de 1973 a 1978 e faino empregando un rexistro narrativo áxil, prescindindo do accesorio e mesmo alleo ao risco de adoptar un ton melancólico, antes ben apoiándose polo que a memoria conserva a carón dun abondoso corpus documental en forma de retallos de prensa da época, fotografías moi pouco difundidas e outro tipo de documentos moi valiosos. É deste xeito como se explica e informa con claridade a evolución que se observa nuns anos claves xa non só para a música, senón para a nosa cultura no que se procuraba, desde a atalaia da reivindicación do propio, un horizonte novo ao que acceder e polo que se puidese transitar en liberdade. É aquí onde, a carón do fío que conduce Seoane,  xorden as referencias e as voces de Rodrigo Romaní, Luís Emilio Batallán,  as Pandeireteiras de Mens,  Bibiano, Pilocha, Emilio Cao, Miro Casabella, Benedicto, Pepe Ferreirós, Fuxan os Ventos e os poemas de tantos autores onde salientan, por dereito propio, aqueles de Celso Emilio Ferreiro.

          Por outro lado, o libro acompáñase dun cd no que Antón Seoane, Pilocha e Rodrigo Romaní, coa participación de Nando Casal, Bibiano, Miro Casabella, X. Quintas Canella, Dónal Lunny, Harry C, Roi Casal, Manú Conde, Pancho Álvarez, Anxo Pintos, Segundo Grandío, Laura Amado, Quico de Cariño, Natalia Zoltan e outras persoas gravan temas claves dese tempo que abrangue os anos de 1973 até 1978, presentado algunhas delas o seu primeiro rexistro sonoro aquí.

      Un libro-cd, en definitiva, onde moito se pode aprender e gozar coas extraordinarias versións musicais que contén. Deixo abaixo o petisco do making-off das gravacións musicais e, abofé, parabéns pola iniciativa.