Na Casa Galega da Cultura

Este pasado venres acompañei a unha parte do alumnado ao que este curso imparto docencia para iniciar algo tan esencial como é o proceso de familiarización, en moitos casos descuberta, do que é un edificio como a Casa Galega da Cultura, situada no centro de Vigo, e cales son as súas funcións e obxectivos. Un espazo que foi Casa do Concello no pasado e que hoxe acobilla, con agarimo, os fondos da Fundación Penzol e mais os de Francisco Fernández del Riego: dúas bibliotecas, e unha pinacoteca do segundo, en onde se atopan milleiros de libros e valiosos documentos sen os cales a nosa historia literaria, cultural e política mal se podería explicar.

       Tras visitar a magnífica e didáctica exposición sobre Fernández del Riego,  comisariada por María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira e organizada por mor do centenario do seu nacemento só teño que agradecer, desde aquí, o garimoso trato dispensado por Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol e de Marián Vidal, directora técnica da Casa Galega da Cultura. Beizón.

2 Comments

  1. Ramón, moitas grazas, sempre é un pracer recibirvos a ti e aos teus alumnos para que descubran o que alberga esta Casa.

Os comentarios están pechados.