Obra reunida 1994-2008, de Verónica Martínez

Verónica Martínez

Obra reunida, 1994-2008

Amagord Ediciones, Madrid, 2013, 676 páxinas, 20 €

 

Agradezo moito o detalle da persoa que me fixo chegar este volume de poesía por diversas razóns. Unha delas, non a máis relevante mais si certamente sorprendente para min, foi  a de descubrir a existencia dun suxestivo  selo editorial radicado en Madrid –Amagord ediciones– que acolle no seu catálogo unha colección epigrafada como “Galeuscas” onde apareceron algúns volumes de poesía, en edicións bilingües galego-castelán como a presente. Beizón, pois, por prender o lume desa iniciativa tan reconfortante.

        Mais o obxecto desta liñas responde ao desexo de visibilizar e comentar moi brevemente esta voluminosa Obra reunida 1994-2008 que asina Verónica Martínez e que compila sete libros poéticos que viron a luz -os máis deles- ou escribiu, nese período que se cifra no título.

    Os versos da autora precédense dun acaído e clarificador limiar a cargo de Luis Luna que, ao meu ver, acerta ao definir a estética presente neste volume como aquela que incorpora a “eros y a thánatos unidos por el hilo umbilical del dolor” pois, en efecto, a presenza da dor, vinculada co amor e mais a morte constitúen elementos fulcrais en todos e cada un dos sete poemarios aquí rescatados. O responsable do breve limiar sinala, asemade, algúns extremos da obra da poeta que resultan tamén inexcusables como a proxección deses motivos a través de palabras-símbolo como “verdugo”, “ruína” ou “cicatrices”, alén do uso dunha linguaxe cotiá, con certo recendo culturalista ao que me permitiría engadir a querenza maioritaria  por un período versal curto, rotundo e poderoso, de corte esencialista, acaroado talvez á sentenza e á imaxe visionaria en tantas ocasións, que se nuclea desde o berro pola soidade e o temor en Había tantos homes lilas (1994), pasando polo devezo do amante e o encontro para procurar no sexo a “cura da alma” presente en Deshabitada e sen verdugo (1996) ou pola aproximación ao xénero do diario poético en Desterrada do meu corpo (2000) onde a cartografía da dor punzante sentida no exilio  se ergue até o paroxismo con recorrencia: “Levo esta dor / cravada nos ollos / como unha doenza”.

     Complétase esta entrega con Cara a un solpor de gatos (2004) onde se proxecta a historia dunha fuxida que é naufraxio nun “mar de nubes e memoria” e dous poemarios máis que son Refuxio (2006), de división tripartita e una modulación máis narrativa,  reiterando o percorrido polos eidos da tristura, o medo, a violencia mesmo, co intento de reinvención do eu lírico e de resistencia proxectada no propio corpo e, finalmente, Cartapedra (2008) onde abundan os xogos simbólicos que se establecen entre pedra e o concepto de resiliencia, co amor e o telúrico albiscados como única salvación final.

    Un libro denso e compilatorio este de Verónica Martínez: poemas que son encrucilladas de camiños que cómpre percorrer cos sentidos, sempre, moi abertos.