A miña primeira Rosalía e A pantasma da casa da Matanza

Cadran hoxe, neste comentario conxunto, dúas publicacións recentes, ás que cheguei este pasado Nadal pero das que non tiven ocasión até hoxe de dar conta. Ambas as dúas aparecen nucleadas pola figura de Rosalía de Castro que, concluído o ano do sesquicentenario de Cantares gallegos, segue a reclamar por diversas razón abondosa atención mediática e editorial. Nesta ocasión, estes dous proxectos oriéntanse cara a difundir aspectos da súa personalidade e obra literaria para un lectorado máis novo pero, diso dou fe, con plena operatividade para calquera franxa de idade.

Xiana e Xosé Lastra

A miña primeira Rosalía (ilustracións de María Manuela)

Xerais, Vigo, 72 páxinas, 12 €

No ronsel do exitoso O meu primeiro Celso Emilio retorna o idéntico equipo responsable -Xosé e Xiana Lastra, e María Manuela Díaz Orjales no ámbito das ilustracións- que artella un rigoroso percorrido polos socalcos biográficos máis imprescindibles de Rosalía de Castro a carón dunha antoloxía poética -ben articulada, ao meu ver, para ir entrando no universo literario da autora de Follas novas– e mais doce poemas musicados e cantados, incluídos nun cd, que incorpora interpretacións de María Manuela, Mero, Mini e Xiana Lastra, acompañadas instrumentalrnente por Xurxo Varela, Nani García, Pablo Sabio, Nuria Lestegás, Paco Barreiro, Roberto Grandal, Pepe Do Pico, Simón García e Manuel Dopico.

         O aproveitamento didáctico e a orientación inexcusablemente divulgativa da publicación é unha verdadeira evidencia, mais tamén o é esa proxección que atesoura como aposta por unir poesía e música de calidade. Que veñan moitos máis “A miña primeira…” ou “O meu primeiro…”. Sería unha excelente noticia.

 

Miro Villar

A pantasma da casa da Matanza (ilustracións de Xosé Cobas)

Biblos, Cesuras, 2013, 26 páxinas, 16 €

Non é a vez primeira que Miro Villar fai a súa aparición no eido da literatura para o lectorado máis novo, como é ben sabido. Nesta ocasión rescátase unha iniciativa que se adentra no motivo, meritorio por outro lado e ben acaído polas circunstancias, de introducirse no mundo rosaliano para erixir un relato ou conto rimado tendo como inspiración a figura, e neste caso no ámbito da casa na que morreu Rosalía de Castro ofrecendo nunha proposta, agora revisada, que gozara dunha primeira edición non venal da man da Fundación Rosalía de Castro nun volume colectivo titulado Quen casa ten de seu.

    Sexa como for, a proposta inicial percorre agora camiños anovados coas extraordinarias ilustracións que realiza ad hoc Xosé Cobas e que ofrecen unha suxestiva lectura visual que acompaña a historia  dunha «Negra sombra» que chega á casa da Matanza e que axiña empatiza coa música e co ritmo dos poemas rosalianos, decidindo quedar dentro daquel espazo simbolizada visualmente nunha pomba.

      A “Negra sombra” de Miro Villar, así pois, renóvase ou goza desde agora dunha nova dimensión, isto é, suxire unha lectura diferente, aberta a outras posibilidades abeiradas á fantasía, ao elemento lúdico, propiamente poético e esperanzador, hibridizando con fortuna poesía e narrativa nunha proposta ben recomendable.