Celso Emilio Ferreiro e Venezuela

Asistín onte, na Casa do Libro de Vigo, a un coloquio organizado pola “Asociación galego-bolivariana Hugo Chávez” vertebrado pola figura de Celso Emilio Ferreiro, situándoo nun capítulo concreto e interesante como foi o da súa etapa venezolana.

      Logo da visualización dunha curta baseada no célebre CEF 100%, presentou o acto o xornalista Gustavo Luca de Tena, quen cedeu a palabra a Xosé María Álvarez Cáccamo, de quen se oíu un discurso alicerzado nas lembranzas familiares e no epistolario conservado de seu pai; con estes dous esteos deseñou esa cartografía de afectos que uniu a Xosé María Álvarez Blázquez  e ao propio Celso Emilio, centrándose no período da estadía venezolana do último. Coas palabras de seu pai  desvelou cales eran as preocupacións literarias do autor de Celanova daquela altura, mais tamén aspectos que atinxiron a outras cuestións como os conflitos con Galaxia ou o encontro, acedo encontro sempre, coa realidade da censura diante dos seus textos en lingua galega.

    Luís Ferreiro, pola súa parte, en condición de director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, articulou un percorrido polas razóns fundamentais que conduciron a seu pai  ao camiño do desterro ou do auto-exilio, sustentadas basicamente na existencia dun cerco policial que se estreitaba sobre os seus negocios e sobre el mesmo, para logo revisar a actividade cultural e política que levou a cabo en Caracas, as acusacións que sobre el se verteron e a valoración que o propio poeta realizou sobre a emigración.

    Concluíu o faladoiro Xesús Alonso Montero, antes dun breve recitado da poeta Carmeliña, quen se detivo brevemente en consideracións suscitadas sobre o poemario Viaxe ao país dos ananos,  que foronv desde estritas cuestións ecdóticas pasando polas sociolóxicas ata as valorativas arredor deste título fundamental na bibliografía ferreiriana.

     Prestoume asistir a este diálogo suscitado pola actualidade do pensamento de Celso Emilio, por aprender, por saudar a moitas amizades e por  constatar como o poeta e o político segue a concitar unha extraordinaria atención e interese. Dun agasallo, que recibín da man de Aser Álvarez,  falarei noutro momento.