«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 66 (xaneiro-febreiro 2014)

Chega estes días unha nova entrega da revista Biblos. Clube de Lectores cunha abondosa oferta galega de libros e música para este bimestre. Deixo aquí, coma sempre, a miña colaboración nesta publicación que, nesta ocasión, articulo como un Top 10 particular do que nos deixou este pasado 2013.

“Vén sendo para min case unha tradición botar a vista atrás e revisar o que un leu ao longo dun ano e valoralo globalmente. Ofrezo nesta ocasión un Top 10, de carácter moi persoal e  enteiramente subxectivo, sen orde de preferencia ningunha e na que non inclúo libros que presentei ou copresentei este pasado ano en actos públicos pois, loxicamente, tamén eses foron da miña preferencia. Nesta ocasión abro a nómina a outros xéneros alén da narrativa. Hai máis libros destes dez que de certo ben merecían estar nesta listaxe mais, con todo, velaquí as miñas escollas deste 2013.

1. Costa do Solpor, de Xosé María Lema. Un autor que se incorpora serodiamente ao campo da narrativa galega e que o fai con extraordinaria competencia e, manexando unha oceánica documentación, devolve o gusto pola narrativa de aventuras.

2. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Pola aposta chea de convicción, afouta e oportuna, que persegue ampliar a base de persoas que se achegan á novela en lingua galega.

3. Carne de Leviatán, de Chus Pato. A autora lalinense tripa camiños, en todos os seus libros e tamén neste, fascinantes e reveladores que cómpre saber percorrer.

4. Un rato díxolle á lúa, de Antonio G. Teijeiro. Apaixonante escolma do traballo poético de toda unha vida: poesía sen fronteiras, da man do bo criterio e Fran Alonso e da música de Paco Ibáñez.

5. Ulises, de James Joyce porque era preciso xa para Nós e agora éo para nós. Beizón polo esforzo a Galaxia e ao equipo que o traduciu: Eva Almazán, Mª Alonso SeisdedosXavier Queipo e Antón Vialle.

6. A illa de todas as illas, de  Xabier P. Docampo porque, no ronsel dos grandes clásicos das novelas de aventuras, incorpora unha inesquecible homenaxe á propia literatura.

7. Tastarabás, de Antón Cortizas porque talvez sexa o libro máis completo, documentado e fermoso arredor dos brinquedos tradicionais e o seu uso lúdico.

8Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez. Foi unha fortuna ler un ensaio clarividente e luminoso cunha concepción globalizadora e, sospeito, adiantada ao noso tempo.

9. Obras completas, de  Roberto Vidal  Bolaño. Entre outras razóns porque foi e é un proxecto preciso para actualizar e dispoñer por xunto a obra dun dos nosos maiores dramaturgos contemporáneo.

10. CoraSons, porque supón unha amálgama musical, visual e poética de escaso  parangón entre nós e porque activa moitos sentimentos, ben necesarios para vivir.”