Cuestionario Proust: Arturo Casas

Arturo Casas

1.– Principal trazo do seu carácter?
– Agora mesmo a paciencia, e moito me tardou. Tamén unha certa incapacidade para deixar de ver o aspecto cómico que se agocha en case toda acción humana.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade, a intelixencia, a discreción, a bondade, a educación, a valentía, o candor, o riso, a boa vocalización, todas por igual.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me fagan rir e que non o beban todo.
4.– A súa principal eiva?
– A descrenza en todo plan quinquenal. Pero iso mesmo vai a favor do momento e a favor da utopía.
5.– A súa ocupación favorita?
– Actual? Ver durmir certas persoas.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Igualdade, emancipación, pluralidade, viño, percebes e pel.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ninguén sabe nada a ese respecto.
8.– Que lle gustaría ser?
– Contorsionista. No seu defecto, un río.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Noruega, en Chile, nalgún país longo e marítimo. Neste mesmo, malia el ser cadrado. Pero con algún amaño, con bastantes amaños. Por poñer un, diría contarmos cunha esquerda medianamente lúcida.
10.– A súa cor favorita?
– A cor que recende, a do mar dos ártabros.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Papoula e memoria.
12.– O paxaro que prefire?
– O tucano, por me resultar inverosímil e serme simpático malia o exceso.
13.– A súa devoción na prosa?
– Bourbaki. Spinoza. Weil. Cunqueiro. Lotman. Arendt. Cervantes. Canetti.
14.– E na poesía?
– Safo e a poesía arcaica grega; en xeral, todos os arcaicos. E logo Celan. Tamén Pepe Cáccamo, Chus Pato e oito ou dez poetas máis do meu tempo e do meu país. Admiro igualmente quen traduce poesía e o fai ben. Poucas cousas se me ocorren máis complicadas.
15.- Un libro?
O bosque harmonioso, de Augusto Abelaira. Quen sabe por que?
16.– Un heroe de ficción?
– Lázaro. E, en xeral, os esdrúxulos.
17.– Unha heroína?
– Eurídice, por non desviarnos. Tamén Atenea, malia todo.
18.– A súa música favorita?
– Depende da hora, do sitio, da posición e de se estou só ou con xente. Algúns nomes e xéneros, por exemplo mentres conduzo, resultan inconfesábeis. Sendo dono de min, gústame Pärt, Mozart, Bach, Schubert. Tamén Abe Rábade, que hai uns días me conmoveu até un límite para min descoñecido. A música de Patricia Barber, Shirley Horn, Abbey Lincoln, Nina Simone e moitas outras compositoras e cantantes estadounidenses.
19.– Na pintura?
– Colmeiro e Seoane, para pensar no mito e para a alegría. E moita pero moita máis. De antes e de despois.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os que cruzan desertos e mares procurando algo que nós xa temos. As que se xogan a vida por falar en voz alta.
21.– O seu nome favorito?
– Ilduara, Artemio e algún nome eslavo, como Zbigniew ou Katarzyna.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Poñamos catro: a facundia, a pompa, a nugalla e a desorde. E un quinto: a incapacidade para poñerse no lugar do outro. E un máis, por ir á media ducia: a egolatría.
23.– O que máis odia?
– O colonialismo, a violencia física e simbólica contra as mulleres, a relixión de estado, a escravitude, o fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco e os seus xenerais, bispos, xuíces e banqueiros, por todo o que directa e sistematicamente nos fixeron (século XX) e nos seguen a facer a nós (século XXI).
25.– Un feito militar que admire?
– Calquera que implique a liberación de seres humanos sometidos por motivos étnicos, sociais, relixiosos ou doutra clase. A revolución haitiana de 1791 contra a escravitude e mais a colonización e a correlativa organización militar debida a Toussaint Louverture, por exemplo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Beleza e intelixencia, por esa orde ou pola inversa. Fóra diso gustaríame ser negra e ter sentido do ritmo e da proporción. Tamén, con todo o anterior, ser mediofondista, danzarín e tocar o saxo alto ou o bandoneón. A miúdo querería, asemade, ser contorsionista, creo que xa o dixen.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen tortura, sen escenario, sen relixión e sen dar a lata. Pero asumo aquilo de Blanchot: morrín, vivín, morrín. Non se morre só unha vez nin só dunha vez.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A proxección individual e colectiva sobre o futuro, un principio esperanza menor que o que querería manter aceso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A simpleza, agás cando vai unida a poder. Pero quen é un para perdoar?
30.– Un lema na súa vida?
– Nunca souben de lemas. Gustoume o resultado dunha enquisa do Times, el mesmo paradoxal: “No motto please, we’re British”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.