A lúa da colleita, de Anxos Sumai

Anxos Sumai
A lúa da colleita
Editorial Galaxia, Vigo, 244 páxinas, 19 €, 2013.

Anxos Sumai tardou en volver mais retorna con esta novela felizmente galardoadaA lúa da colleita– que se interna da man dunha protagonista ao longo das vacacións de verán do ano 1992 nun apartamento dun edificio ao pé da ría de Arousa É alí onde xorden vivencias, sentimentos e emocións confusas, por veces irreais: un territorio do que non é difícil conxecturar a súa proxección colectiva e metafórica.

             Sumai consegue compor un mosaico onde a lectura se converte nun percorrido inquedo e desasosegante sobre como se perciben desde “dentro” as posibles anomalías no comportamento mais coas que cómpre convivir. E isto faise desde o inexcusable achado que supón crear, e deseñar, á propia protagonista: unha muller chamada Nuria, que ispe os seus sentimentos publicamente, sen humor negro, sen compracencias nin chiscadelas de ningunha clase: é a través dela, se se quere do seu alter-ego Bet seguindo os ronseis do que se di e do que se oculta pois moito hai na estrutura deste libro que convida a lelo en clave de novela de xénero negro, como se abre a posibilidade de coñecer as razóns do seu comportamento e do que significa alentar na inseguridade recorrente. Na novela cobra forza o devezo por reconstruír os enigmas do seu pasado, onde non pouco teñen que dicir o seu irmán, o pintor Induvina, o veciño Vidal ou ese acontecemento desdebuxado á mantenta, mais vivido intensamente na súa adolescencia, que determina o seu presente que agora se formula no momento de enfrontarse coas vicisitudes dun universo singular poboado de “sismos, volcáns e erosións”, tamén de “hologramas”: unha sorte de proxeccións que atravesan cousas que só ela é quen de ver. Aí nace o propósito de seguir avanzando, de reunificarse para derrubar as barreiras –tamén sociais- que as esferas do tempo provocan no seo dunha memoria que se esfarela, que vai e vén, obrigando a que se dilúa a sensación de realidade, polo que a única solución, ás máis das veces, sexa resistir no esvaradoiro da vida, perseguir o anceio de resplandecer “coma a lúa no tempo da colleita” .
        Sumai zumega un moi potente e hipnotizador pulso narrativo nunha novela que magmatiza e estimula, desde a primeira páxina, a perseverar na súa lectura. A carón das descricións xustas e precisas, dos diálogos rotundos e exactos, da solvencia depositada na caracterización dos personaxes, xérase unha historia cruzada polos polos ecos das emocións e pola querenza de situarnos nun gume afiado entre dous extremos: amor e odio, ira e sosego, crueldade e afectos. Luces e sombras que iluminan e escurecen unha magnética vertixe narrativa que, en definitiva, transita polos terreos do medo e dos soños e que sería imperdoable perder.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 25 de xaneiro de 2014 baixo o título de “As sombras que nos habitan”.