Da antoloxía 18 á revista Elipse

Chego, con evidente demora, a unha escolma poética publicada a finais do 2011, ben singular e, ao meu xuízo, suxestiva. Consólame saber que polos bos libros nunca pasa o tempo, ou se pasa é para melloralos. Refírome ao volume 18, publicado por “Penúltimo Acto (acción poética)” do que foron principais responsables como coordinadoras e impulsoras da iniciativa Cruz Martínez e mais Rosa Martínez Vilas (rosanegra) baixo o obxectivo confesado “de abrir un espazo artístico e cultural en galego” para “xuntar a maior diversidade creativa posíbel (e) abrir vínculos coa lusofonía”.

           Esta antoloxía pretendía no seu día, e segue a ser perfectamente operativa para ese fin, dar a coñecer  unha serie de voces poéticas, tanto en galego como en portugués ou outras variantes lingüísticas, agás algunhas como as de Fernández Naval ou Iolanda Aldrei xa coñecidas con anterioridade. Neste sentido, o volume compila composicións poéticas das coordinadoras do volume, a carón daqueloutras que subscriben  Iria Bragado,  Simón Cabo Escribano,  José Alberte Corral, Henrique Doria Dara, Escribano Lorenzo,  Alexandre Insua Moreira,  Henrique Leirachá Gutiérrez, Virgílio Liquito, Fernando Martinho Guimarães, Jaime Moreda Santamaría, Fernando Luis Pérez Poza, Fernando Rodríguez Carpizo, Alfonso Rodríguez Rodríguez e José Manuel Barbosa Álvares.  Un libro, como é lóxico, moi heteroxéneo e plural, con  poemas de diversos estilos e desemellantes tonalidades, mais que globalmente vivifica o panorama poético con novas e, quen o dubida, suxestivas voces.

         Ao tempo, cómpre falar aquí da revista Elipse, como outra iniciativa realizada polas dúas coordinadoras antes amentadas ás que se engade, nesta ocasión, Alexandre Insua. Estas tres persoas constitúen o Consello Editorial desta proposta literaria galego-portuguesa, tanto en papel como en versión dixital, ao abeiro de Círculo Edições, selo radicado na cidade de Vigo.  A revista, moi dignamente editada, inclúe revisións críticas de obras literarias, pasando pola inclusión de  textos de carácter poético ou narrativos, xunto con traducións e ilustracións ou fotografías realizadas ad hoc alicerzando un proxecto, ao meu ver, ben interesante e do que xa se anuncia, por outro lado, a chegada da segunda entrega. Cumprirá estar ben atentos.