Argola, de Marta Dacosta

Marta Dacosta

Argola (ilustración capa Tokio)

O Figurante Edicións, Santiago, 2013, 54 páxinas, 12 €

 

Argola   é  o último poemario de Marta Dacosta co que acadou o I Premio de Poesía O Figurante e que aparece editado pola casa organizadora do certame, xunto coa obra finalista do galardón: María, de Eli Ríos.

             A propia autora, no seu blog acuática, reflexionou sobre as orixes do poemario e, abofé, é este un poemario singular no que se artella unha revisión histórica do concepto de dominación, en boa parte dominación exercida sobre a muller, sustentándose nunha voz que é a dunha escrava en tempos do Imperio Romano: unha escrava singular que se debate entre os devezos de liberdade e daquilo que simboliza para o seu pobo e unha vontade anoada a unha  argola que é símbolo de atadura e que a somete aos intereses dos colonizadores. Malia todo, sempre permanece incólume nela o seu desexo de liberdade, do seu entorno feminino e  do seu pobo. Son diversas, así pois, as lendas que poden vincularse con esta personaxe  innomeada e chea de forza que circula con voz propia polas páxinas do libro como a dos Herminios das Illas Siccae, logo chamadas Cíes, asoballados por Xulio César, ata ese mundo reflectido n´O segredo da pedra figueira de María Xosé Queizán. É nese humus onde agroma unha vontade belixerante, reivindicativa, un tanto épica e, ao meu xuízo, ben conseguida.

           Na recreación desta temática, inspirada ou non en asuntos históricos, non se obvia a presenza simbólica do mundo do mar e da auga que caracteriza outros poemarios seus,  a carón da inclusión de lugares común na  súa obra como a loita contra o destino escrito por outras mans e contra o propio desexo; o poder salvífico do propio corpo e recorrente batallar por recoñecerse nel mesmo, sen esquecer a presenza de figuras femininas heroicas e admirables como as dos poemas onde aparece a figura da avoa, obrigando á protagonista a alentar a “cinza da memoria” e convidando a levar até a fin as propias conviccións no propósito, diáfano, de que a muller que ela representa é moito máis que unha mercadoría de cambio obrigada polas circunstancias.

      Recomendo este poemario de Marta Dacosta, que se presentará en Gondomar o último día deste mes, ás oito e media da tarde, na aula Ponte de Rosas do IEM.