Cuestionario Proust: Malores Villanueva

Malores Villanueva

1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo e a constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A dignidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Agarimo.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión e a indecisión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Unha boa conversa.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O que desexo é vivir facendo en cada momento o que desexo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder os meus seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
– Boa en cada cousa que fago e nas relacións cos demais.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galicia, nunha Galicia en galego.
10.– A súa cor favorita?
– A cor azul.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Os tulipáns, as camelias, as rosas…
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitas devocións. Cunqueiro, Cortázar, Horacio Quiroga, Eduardo Galeano, Clarice Lispector, Nélida Piñón, Fernández Ferreiro, Francisco Fernández Naval, Víctor Freixanes, Begoña Caamaño…
14.– E na poesía?
– Rosalía, Curros, Pimentel, Ferrín, Chus Pato, María do Cebreiro, Ana Romaní… e Neruda, Dámaso Alonso, Vicente Aleixandre, Pedro Salinas…
15.- Un libro?
– Un só? Serían moreas. O barón rampante de Italo Calvino, A república dos soños de Nélida Piñón, Cabalo de ouros de Víctor Freixanes, Merlín e familia de Cunqueiro, Morgana de Esmelle de Begoña Caamaño…
16.– Un heroe de ficción?
– Robin Hood.
17.– Unha heroína?
– A Fata Morgana.
18.– A súa música favorita?
– A música de cantautor.
19.– Na pintura?
– Raimundo Patiño, Kandinsky, Maside, Laxeiro, Quintana Martelo, Antón Patiño…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meu avó. Quedou orfo sendo un cativo, foi a unha guerra que non era a súa, tivo que emigrar para saír adiante… e sempre viviu instalado na xenerosidade e na alegría.
21.– O seu nome favorito?
– O nome fano as persoas.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de falar castelán en Galicia.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía e a envexa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco e, en xeral, calquera fascista.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don para a música.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Soñando.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Alegre.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os defectos das amizades e supoño que tamén os meus.
30.– Un lema na súa vida?
– Mans que non dades que agardades! A xenerosidade como lema para construír relacións, proxectos…