Ana Gorría (prólogo, tradución e edición)
Novas_de poesía. 17 poetas
Fundación Uxío Novoneyra, 448 páxinas, 24,99 €
Ao abeiro dos múltiples proxectos e actividades culturais e editorais que a Fundación Uxío Novoneyra está a levar a cabo nos últimos tempos, entre as que salientaría a ideación dunha iniciativa novidosa como é o “Ith crowdfunding”, derivado da vontade de crear unha comunidade de lectores arredor de proxectos literarios especiais, cómpre salientar a publicación do volume Novas_de poesía. 17 poetas: unha escolma poética contemporánea que prologa e edita Ana Gorría, sendo tamén esta última a responsable da tradución dos máis dos poemas aquí recollidos, nunha edición suxestivamente ilustrada por Anxo Pastor.
Sempre resulta pertinente ofrecer unha antoloxía poética malia que sexa inevitable, a xuízo de calquera persoa que se achegue a ela, detectar algunha ausencia ou sorprenderse por algunha presenza, claro é. Con todo, esta escolma constitúese por unha serie de voces, dezasete concretamente, que resultaron escollidas polas concorrencias xeradas entre unha serie de persoas consultadas, reservadas no anonimato, que se responsabilizan en última instancia do resultado final das escollas reflectidas no volume.
Sexa como for, o traballo da responsable do limiar e da edición resulta excelente, concibida máis como unha porta aberta –de aí a iniciativa de presentarse como edición bilingüe galego-castelá, onde participa Alejandro Tobar como tradutor do prólogo e das útiles notas biobliográficas que aparecen ao final do volume- cara a proxectar ao exterior –sobre todo a Latinoamérica a través da edición electrónica do volume- o noso patrimonio poético, ou unha parte substantiva del, da man de autoras e autores que publicaron o seu primeiro libro individual a partir do ano 2000 e que, posuidores dunha obra solvente e en evidente e feliz proceso de construción, resultaron ser Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xabier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro, Mariña Pérez Rei, Dores Tembrás, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e mais Gonzalo Hermo quen, pola súa parte, seleccionaron un grupo de composicións da súa autoría para este proxecto.
O limiar da publicación, onde se explica que se atende non só á produción editorial, senón tamén ao que se xerou en ámbitos diversos como son os dos festivais e revistas, sen esquecer a evidente hibridación xenérica que se dá na poesía galega máis recente, apóiase nalgunhas reflexións doutro grupo de persoas consultadas para iluminar o que aconteceu nesta última década. Nel repárase en cuestións, a meu entender, relevantes e tratadas con escasa consideración noutros proxectos de índole semellante como pode ser, por exemplo, a influencia das novas tecnoloxías inseridas nun marco “dinámico” e nun “espazo en conflito” como Gorría afirma, quen tamén incorpora un apartado no que sistematiza con fortuna as liñas de sentido máis salientables de cada unha das voces escolmadas: dezasete poetas que ofrecen, así pois, o mellor do seu traballo creativo as máis das veces édito pero tamén inédito. Deséxolle unha feliz andaina a este libro pois, non o dubido, ben o merece.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 1 de febreiro de 2014, baixo o título de “17 voces para o noso tempo”.