Vén visitar hoxe esta bitácora o escritor Henrique Dacosta. Alégrame especialmente esta visita pois este ferrolán é, para min, un vello e apreciado amigo desde hai ben de anos. Cousas privadas á parte déixanos por aquí algúns manuscritos referidos a dúas das súas obras: Mar para todo o sempre e outro fragmento que se corresponde á súa novela Os desherdados.
Dacosta revela que o labor de documentación histórica foi un elemento relevante para Mar para todo o sempre. De feito, o mapa que se reproduce abaixo corresponde á realidade das expedicións emprendidas por distintos navegadores e outros elementos de documentación, relativos ao século XVI, que tamén son fieis á verdade. O documento escaneado que inclúe algunas datas fai parte da recreación narrativa constituíndo dalgún xeito o esqueleto da novela.
Polo xeral, en canto ás dinámicas creadoras, o autor realiza sempre unha esquematización da proposta narrativa (véxase o derradeiro documento correspondente á novela Os desherdados). Na súa opinión o ordenador vén sendo algo básico para a súa escrita e ao respecto sinala que “anteriormente, era a máquina eléctrica con cartuchos de tinta, e pouco antes desta, unha Olivetti das pequeniñas de fita de tinta. Acostumo anotar decenas de cousas, con anterioridade a que me poña a escribir, así como durante a escrita, en folios, en moitos casos dos que descarto que están escritos por unha das caras. Ás veces fágoo dun xeito un bocado anárquico, polo que vou xuntando un feixe deles que logo me afago a empregar para non perder o fío do que estou a facer, mesmo tomando notas en papeis adhesivos e en tacos de blocs. Tamén podo botar man de cadernos de notas e libretas. Así pois, cada proxecto conta cun lote deste material, unha verdadeira selva”.
Beizón a Henrique Dacosta por estes primeiros apuntamentos compartidos que terán continuidade máis adiante. Quen goberna a bitácora aínda se lembra daquela vella Olivetti.
1 Comment
Os comentarios están pechados.