Moralla
Edicións Follas Novas, Os libros do loureiro, nº 5, Santiago de Compostela, 92 páxinas, 2013.
Non hai moito tempo dábase conta nesta bitácora dun manuscrito da poeta ourensá Yolanda López, agora radicada en Madrid. Naquel apuntamento xa facía referencia á recente publicación do seu último libro poético en lingua galega titulado Moralla, que hoxe me ocupa brevemente.
Esta entrega articúlase en tres bloques – “O levitar das sombras”, “Puño e cazador” e “Caravana cósmica”- e aparece gobernado, a meu entender, por dous trazos esenciais como son a aplicación dunha forte narratividade ás súas composicións poéticas e mais a presenza dun heteroxéneo abano temático. Neste sentido son moi diversos os focos que reclaman a atención da poeta que van desde a recreación de asuntos de xorne máis clásico como son o paso do tempo ou a morte e a súa percepción máis íntima, pasando por textos que se articulan como homenaxes a moi diversas voces poéticas -excelente ao meu ver o dedicado a María Mariño-, atér erixir, en moitas ocasións, un canto que esvara polos eidos da denuncia erguendo así un berro, tantas veces esgazador, diante das inxustizas e desatinos de toda orde que nos rodean. Non quero, nin debo, esquecer tampouco, alén dunha marcada tendencia á imaxe visionaria que domina tantas composicións, a forza do diálogo interartístico co material fotográfico da propia autora que incorpora a coidada edición de Follas Novas Edicións, como tampouco esoutra querenza, ben patente nas diversas composicións, tanto por exhibir un exercicio singular de reescritura e interpretación da pegada doutras grandes voces poéticas como a atención prestada aos universos musicais, mitolóxicos e culturais en xeral, de moi desemellante índole e que circulan abondosamente nestas páxinas.
Deséxolle moita sorte á andaina poética de Yolanda López. Este libro testemuña, sen dúbida, a procura de novos camiños que a poeta se impón e un diáfano devezo por ser testemuña do noso tempo (neste apuntamento d´As escollas selectivas as persoas interesadas poden achegarse a algúns dos poemas incorporados neste volume).