Na presentación de "A teoría do tempo imaxinario", de Eduardo Santiago

Onte quixera poder asistir a algunha sesión dos encontros sobre novela negra en Compostela, ou acompañar a Elena Gallego na presentación do seu Sete caveiras, libro que me ocupará en vindeiras datas, mais por diversas circunstancias asistín a outra presentación que se celebrou en Vigo  e foi un pracer coñecer a David Cortizo (á dereita na foto superior), un dos responsables de Urco Editora, que se responsabilizou de presentar A teoría do tempo imaxinario de Eduardo Santiago. E gustoume moito facelo ademais na Libraría Cartabón: algo máis ca unha libraría para min e que sempre me dispensa tanto agarimoe desde hai tantos anos.

       Cortizo, logo de falar brevemente da filosofía de Urco Editora, diseccionou algunhas das claves que viu no orixinal e que resumiu na existencia dun argumento que abraza a ficción científica nun marco no que se desenvolve unha trama de “espionaxe, de misterio e de amor e desamor”, subliñando a solidez dos personaxes e o contexto do matriarcado que envolve toda a trama.  O editor, que se confesou como un friqui do fantástico, salientou igualmente os abondosos elementos deste tipo  que se rastrexan na novela.

        Pola súa parte, Eduardo Santiago desvelou as orixes da novela que se remontan a unha sorte de reto sobre escribir unha historia de amor, rescatando así dúas personaxes xa presentes na súa anterior novela 2044, sintetizando ademais os principais focos de atención que proxectou nestas páxinas como foron a ideación dunha sociedade organizada a modo de matriarcado, a función das novas tecnoloxías, a crítica ao sistema capitalista e a defensa da diversidade lingüística, entre outros elementos. Alén de se referir ao título que bautiza o libro -non precisamente a de S. Hawking senón outra particular- cenetrouse tamén no xogo que formulou entre a realidade máis inmediata e a realidade virtual e os conflitos que isto xera. Un coloquio final pechou un acto interesante noutra noite máis de temporal que ben azoutaba  tamén nos Choróns vigueses. Moita sorte para este libro!