Concluíu onte, na libraría Cartabón de Vigo, a xira de presentacións por Galicia que trouxo a Harkaitz Cano ao noso país coa tradución ao galego debaixo do brazo do seu Pasaia blues, una realidade que posibilita a editorial Hugin e Munin.
Recoñezo que, neste mundo de órbitas literarias que xiran case sen tocarse, como é o caso da literatura galega e da escrita en éuscaro, a oportunidade de escoitar unha das voces máis relevantes e singulares deste último sistema era unha oportunidade que, entendín, un non debía perder. E o certo é que o acto, breve e intenso, pagou moito a pena. Abriu a presentación Alejandro Tobar en representación da editorial para logo deixar a palabra a Isaac Xubín, tradutor ao galego do texto desde o orixinal en eúscaro, quen se referiu, alén doutros asuntos, ás dificultades que supuxo acomodar o texto de Cano á lingua galega, un traballo por outra parte, ao pouco que puiden petiscar na lectura do libro, que me parece espléndido.
Concluíu o encontro o propio Harkaitz Cano que me sorprendeu, gratamente, por exhibir un discurso, e non só literario, suxestivo, sólido e fluído. Alén de se referir aos “tempos” que cómpre ir outorgándolle aos libros, á relevancia da tradución como ferramenta necesaria para ir chegando a outros espazos e a outro lectorado, a carón de incidir na xénese de Pasaia blues, ocupouse dalgunhas das claves desta proposta narrativa onde paira non só unha recreación do que acontecía politicamente en Euskadi nos anos noventa, senón que nela, baixo unha roupaxe de novela negra, conflúen outros moitos focos de atención e conflitos que convidou a coñecer.
Cano é dese tipo de escritores que van deixando, como quen non quere a cousa, sentenzas ou reflexións que ecoan na memoria horas despois de oílas. Ao se referir á outra novela súa, aínda non traducida ao galego e titulada Twist, afirmou que “a ficción é o líquido fixador da historia”: unha aseveración que me gustou entre outras que onte puidemos oír ao acobillo dese espazo garimoso que ofrece a libraría Cartabón. Resultaron moi reconfortantes eses cincuenta minutos de presentación e, sen dúbida, volverei sobre Pasaia Blues máis adiante pois non é difícil conxecturar que chega da man de alguén que ten cousas que dicir e sabe dicilas moi ben.
1 Comment
Os comentarios están pechados.