Manuscritos: Carmen Panero Menor

Achégase hoxe por esta sección unha voz que, se cadra, semella esvaída da cartografía literaria galega pois conduce a súa traxectoria pública  desde as instancias da máxima discreción. Refírome a  Carmen Panero quen, malia  as súas escasas obras publicadas que abalan entre o ensaio, a poesía  e a narrativa, segue a cultivar a creación, segundo confesa, baixo aquel lema que se adscribe a Plinio o Vello  de ningún día sen unha liña,  procurando  con  teimosía e case obsesivamente o que denomina  ´a última versión`.

           O seu traballo está disperso en “centos de cadernos e caderniños como libros miniatura”, moitos deles agasallos que recibe. No que se refire ao seu traballo publicado até o de agora afirma que os seus tres libros “son opúsculos de composición en marcha de contos, poemas, ensaio, pero a man, que ao final corrixo e recorto e compoño, tratando de facelo ben; esta tarefa non me fai sufrir. Sendo adolescente, cheguei a escribir unha novela e todo… Logo veume a oportunidade das colaboracións en revistas e periódicos, e catálogos de certos pintores e máis en varias escolmas”.

      Neste momento tece os vimbios dunha novela e, hoxe, lembra agasalla a esta bitácora e a quen se achegue a ela este texto inspirado nas rechamantes columnas do Berbés de Goyanes. Reproduzo o manuscrito corresponde e ao tempo unha das versión do poema datado en xullo de 1999 (a fotografía das columnas é tamén cortesía da autora a quen lle agradezo a deferencia e colaboración).



COLUMNAS ROSTRADAS DO BERBÉS
(Réplica en palabras das Columnas de Goyanes)

Columna rostrada ou rostral. En arquitectura, a que ten o fuste adornado con rostros ou mascaróns de nave.
(Diccionario da Lingua).

Alba. África. Néboa. Ánfora.
Paus dun barco ultramarino.
Columnas rostradas do Berbés

Adro das mareas. Porta de infinitas singraduras.
Escada de cor e trencadís

Calidoscopio de cuarzo
Ébano
Ámbar
Coral
Olivina
Cobalto
Rosa do deserto
Marfil

Alba. África. Néboa. Ánfora.
Paus dun barco ultramarino.
Columnas rostradas do Berbés

Mascarón de muller en escorzo, os pés espidos.
Fuste de escama e argazo, cinguido por unha cinta vermella.
Escintilar azougue dun faro de néboa.
Bita como ánfora de acibeche na baixa de granito.

5 de xullo de 1999

3 Comments

  1. Hai moito ruido de coches que transitan ida e volta, e por iso non se escoita a rechamada das columnas de Goyanes no Berbés, malia as cores dos mosaicos ás que eu, ambiciosamente, lles quixen poñer voz… E que outros gocen do resultado dun traballo laborioso levado a cabo polo artista man a man coa súa filla Susana en 1999.

  2. As fermosas columnas rostradas do Berbés chámannos agora non só coas súas cores,tamén coa voz espléndida de Carme Panero para complementar unha obra de arte que se nos pon diante dos ollos orgullosa, altiva… As columnas cobran nova vida e seguen chamando por nós na porta desas infinitas singraduras. “Alba. África. Néboa. Ánfora”

Os comentarios están pechados.