"Identidade fronte unha guerra sen bombas. Conversa con Mario Regueira" (en Qué leer, nº 195, Letras galegas)

MARIO REGUEIRA ACABA DE VER A SÚA ÚLTIMA NOVELA, OUTONO AQUÍ, TRADUCIDA AO CASTELÁN POR PULP BOOKS. ACHEGÁMONOS AO SEU UNIVERSO LITERARIO E ÁS SÚAS OPINIÓNS.


Mario Regueira (Ferrol, 1979) realizou estudos de Dereito e de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Colaborou en diversas publicacións, na editorial independente Estaleiro Editora e na actualidade exerce como crítico literario no semanario Sermos Galiza.
A súa primeira publicación foi o libro de relatos Rebelión no inverno (2004), á que seguirían dúas novelas: L´affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), libro que acaba de aparecer traducido ao castelán baixo o título de Las hojas muertas (Pulp books). Ademais do ensaio Lois Pereiro. Unha persecución (2011), tamén publicou tres libros de poesía: Tanxerina (2006), Blues da crecente (2009) e O silencio (2012). O seu blog O porto dos escravos é unha das bitácoras máis interesantes da rede en lingua galega.

– O seu primeiro libro, Rebelión no inverno, publicouse hai dez anos. Como valora hoxe aquela ópera prima?

-Como toda obra cunha década enriba, teño deber de relela sempre cun lapis vermello na man e un ánimo extremadamente crítico. Non obstante, hai unha parte importante dos seus relatos da que sigo estando orgulloso, así como co seu ton xeral, moi difícil de conseguir nas coleccións de contos.

L’affiche rouge (2007) reflicte unha especie de testemuño xeracional. Por que?

– A novela foi composta nos últimos anos do fraguismo, un período caracterizado polos debates de redefinición sobre a identidade galega e no que os mozos atravesabamos o noso propio perporrido polas subculturas urbanas e a falta de horizontes vitais. O inminente cambio político deixábanos ante unha pregunta aberta sobre a Galicia que palpitaba entre os mitos ancestrais e a postmodernidade. Á ansiedade desa pregunta trata de responder L’affiche rouge.

Outono aquí (2012) foi publicada en castelán como Las hojas muertas. Por que esa modificación no título?

Outono aquí é o título galego-portugués do coñecido estándar de jazz Les feuilles mortes, (Autumn Leaves, en inglés). A versión en castelán, menos popular, chámase Las hojas muertas e así foi como decidimos que aparecese finalmente. Despois de escoller ese título descubrín que a miña avoa sabía a letra de cantala na súa mocidade, así que tamén acabou funcionando como unha especie de homenaxe inconsciente a ela.

– Transitan con frecuencia na súa obra as clases sociais menos favorecidas e nunca faltan reflexións sobre as identidades… Por que?

-En Galicia a cuestión identitaria é un debate recorrente, algo que no meu caso se suma ao feito de proceder dunha cultura de traballadores de estaleiro nunha bisbarra (Ferrolterra) en crise permanente e infinita. No meu contexto vital, a clase traballadora foi sempre a protagonista, mesmo a pesar das veces que se pretendeu borrala da historia, unha lectura que creo que pode ser extensible a outros escenarios e máis nestes tempos.

– No seu último libro poético O silencio (2012) rastréxase unha preocupación por analizar o discurso da guerra e a violencia…

-Algún día recordaremos estes tempos de crise económica como os nosos avós lembraban o panorama devastado da posguerra, aínda que non vísemos caer ningunha bomba. O silencio está construído sobre esa idea, as imaxes bélicas que o poboan tratan de destapar esa guerra de exterminio sen bombas que sofre hoxe unha parte da sociedade.

– Como crítico literario, cal é a súa valoración do noso panorama literario?

-A literatura galega vive moi mediatizada polo seu propio contexto político, así que a situación global nos últimos anos é claramente negativa. Non obstante, os tempos de carestía son sempre un reto á creatividade e nese sentido, os nosos creadores responderon sempre a un alto nivel.

Esta entrevista publicouse na sección “Letras Galegas” da revista Qué leer, nº 195. Ofrécese aquí a súa versión íntegra e en lingua galega.