Manuscrito: Alfredo Conde

Visita hoxe esta casa Alfredo Conde e agradezo especialmente o seu concurso por varias razóns. Non é menor a que apunta á escasa presenza de textos manuscritos nesta bitácora de autoras e autores que xa contan cunha dilatada traxectoria e tampouco o é menos o feito de que Conde escollese, por propia vontade, ofrecer un texto poético inédito, algo infrecuente no autor de Xa vai o Grifón no vento pois abandonou a publicación de libros independentes de poesía desde  xustamente a  súa opera prima publicada en 1968, que facía o número vinte e catro da histórica colección Salnés con ilustracións de César Carrera e baixo o título de Mencer de luas.

      Con todo, cando en pouco tempo o autor ourensán cumprirá o medio século desde este primeiro libro que viu a luz, achega aquí un texto inédito, cargado de ironía desde o seu título e co valor engadido de acompañarse dunha ilustración na que un loro, talvez deseñado moi a imitanza do Ravachol pontevedrés, garda un difícil equilibrio desde un recanto de quen sabe se cartas de baralla surrealistas, tarxetas ou algo que así que se lle asemelle. Deixo aquí  constancia do meu agradecemento por esta colaboración.

(transcrición:)

cájate lorito!

estache bo o conto
da navalla

nace o poema
ninguén sabe como
o poeta, sí,
ise sí o sabe
e vai e o exprica
e volve explicalo
e volve e volve
e alá se vai o poema
ó carallo.

¡cájate lorito!

1 Comment

Os comentarios están pechados.