Grande, Cortázar

Hoxe chegoume un agasallo das mans do  meu admirado Xan Arias, que capitanea con convicción esa editorial chamada Trifolium. O galano, recibido xustamente cando hai xustamente tres décadas  que Julio Cortázar falecía e no ano en que cumpriría cen, leva por título A autoestrada do Sur e traduciuna esplendidamente ao noso idioma o escritor Francisco X. Fernández Naval. O texto é unha desas alfaias que forma parte de Todos los fuegos el fuego e que o escritor arxentino publicara no ano 1966. Á experiencia gorentosa que supón achegarse á súa prosa, engádese neste caso avanzar nunha inevitable lectura simbólica que vai máis alá desa recreación dun atasco na autoestrada que vai de Fontainebleau a París un domingo á tarde; unha lectura crítica, claro é, que apunta ao fondo dalgúns dos esteos cambaleantes que antes como agora conforman a nosa sociedade contemporánea. Unha alfaia, reitero, que agora Trifolium incorpora con agarimo nesa magnífica colección que é <<Musa pedrestris>>. Grazas, especiais, nun día coma o de hoxe.