Achégase hoxe a esta sección o escritor Xerardo Méndez, que vén de publicar estes mesmos días a súa última novela titulada O baile do sol. Faino cuns fragmentos manuscritos dun poemario, aínda inédito, titulado Sete días de inverno e do que se reproducen dúas mostras, alén da transcrición dos primeiros versos.
Hai tempo que Méndez, talvez máis de quince anos, escribe directamente no ordenador, malia que nos últimos tempos volvese adquirir o hábito de escribir a man cunha pluma, polo xeral unha Parker 45, modelo que xa non se fabrica e polo que anda “á súa espreita por canta librería e estanco de barrio se me cruza no camiño”; pluma que, enriba dunha cuartilla, é operativa para deixar que “baile sobre a neve”.
O manuscrito que abaixo se reproduce é unha pequena mostra de sete poemas de cen versos que escribiu sobre sete días do inverno pasado. O seu comezo pode lerse tamén no Quinteiro das tintas, un dos seu blogues e goza, ao meu ver, de certa relevancia na súa bibliografía pois Méndez nunca publicou poesía malia se tratar do xénero co que comezou a dar os seus primeiros pasos como creador. Caderno da crítica fica moi agradecido pola súa colaboración.